Home

O pasado sábado 28 de maio celebramos en Compostela as I Xornadas sobre comedores escolares, cunha ampla participación de público e cunha aínda máis ampla variedade de temas tratados , dos que paso a facer un resumo das súas intervencións:

1.- Interveu en primeiro lugar Silvia Méndez, presentando o proxecto V de Vexetal, quen falou de nutrición no canto de falar de simple alimentación; aprendemos con ela da importancia dunha alimentación natural dende o principio, e que o principio non é a tenda senón o sacho, a produción e o coidado co que debe tratarse o produto dende que é só unha semente.

Levounos co seu relatorio por un mundo de posibilidades descoñecidas para a meirande parte de nós, posibilidades onde palabras como conservantes, colorantes, azucres e aceites refinados, arroces non integrais, alimentos fritidos, e un longo etcétera non tiñan lugar nunha nutrición que ten unha relación directa con toda a saúde, e non só nos aspectos dixestivos, tamén nos cognitivos, circulatorios, reprodutivos, toda a nosa realidade física.

http://www.vdevegetal.com/

2.- En segundo lugar estivo Andrés Muñoz, que veu dende Madrid expresamente para esta charla, el é representante dunha asociación, “do campo ao cole”, que ofrece unha distribución de produtos agroecolóxicos directamente dos produtores ata o centro educativo, asesorando na incorporación de alimentos ecolóxicos nos menús escolares; e traballando tamén en senso inverso, asesorando aos produtores para que planifiquen cultivos segundo a demanda dos centros educativos, e garantindo unha total transparencia de prezos para que o produtor teña unha remuneración digna e o comprador teña un prezo xusto.

Andrés tirounos abaixo o mito da carestía do produto ecolóxico, primeiro cunha máxima de xustiza: “o produto ecolóxico non é caro, o que ocorre é que o produto non ecolóxico é inxustamente barato, porque a produción basease na explotación”; e despois cunha explicación económica: “todo é lei de oferta e demanda: se estamos dispostos a consumir ecolóxico, existirá un produto de prezo asequible”.

http://delcampoalcole.org/?v=04c19fa1e772

3.- En terceiro lugar, Cesar Lema explicounos a súa experiencia dende a Plataforma Plasticomedores, un proxecto que xurdiu no CEIP Souto Donas de Gondomar hai un par de anos e na que, logo dunha campaña moi seria das familias, conseguiron que os seus fillos e fillas non volvesen a comer en vaixelas de plástico. Explicounos o porqué desta demanda, demostrando que os plásticos son unha fonte de contaminación dos alimentos, actuando como disruptores endocrinos en humanos, sendo os nenos e nenas a poboación máis vulnerábel; e sendo as comidas en quente presentadas en soportes que están a lavarse constantemente, e a deteriorarse cos lavados, as que ofrecen a maior posibilidade de contaminación.

Aprendemos moito de César, máis isto xa é unha demanda da Federación Compostela diante do Concello, sempre avogamos pola eliminación dos plásticos, e aínda que melloramos algo ultimamente non acabamos de atopar a sensibilidade necesaria para desterralos na súa totalidade.

https://plasticomedores.wordpress.com/

Logo destas tres experiencias tivemos un descanso para un café, que aproveitamos para falar da alimentación que queremos, para os nosos fillos e fillas e para nós mesmos-as, unha alimentación que debe incorporar criterios de saúde, por suposto, tamén de formación para o futuro, para a vida de adultos destes nenos e nenas, valores culturais de coñecemento da nosa contorna, de aprezo da nosa historia culinaria; pero que non pode depender nin de voluntarismos nin da suma de accións individuais. No contexto dos comedores escolares é imprescindible que a Administración que os xestione teña unha intención claramente definida de defensa deses valores, non só polo volume da súa presenza nos miles de menús que se serven diariamente neses espazos, sobre todo pola influenza que pode ter para remover costumes, promover debates, e propor fórmulas de mellora para a saúde de todos e todas.

Na segunda parte da xornada abandonamos a alimentación –parcialmente-  para falar do servizo dende perspectivas que en moitos momentos foron complementarias:

Falou nun primeiro momento Maribel Pérez, coordinadora do monitorado do servizo de comedores dos CEIPs de Ferrol, o comedor como espazo educativo foi a súa presentación, falounos da importancia que teñen os tempos que os nenos e nenas pasan no comedor escolar, mentres comen, da maneira en que o fan, a hixiene necesaria, a maneira de se comportar na mesa; pero tamén antes de comezar e logo de facelo, non só no que ten que ver directamente co xantar, coas dinámicas de limpeza, atención e participación; senón do que ocorre cando rematan e comeza o tempo libre, que non ten porque ser un tempo desaproveitado, porque o tempo lúdico pode estar enfocado á aprendizaxe do novas fórmulas de divertirse ou de aprender dun xeito informal e relaxado; utilizar os tempos e os espazos de presenza necesaria para que ese tempo non sexa só de agarda e de custodia.

Logo desta intervención xa entramos de cheo nun dos obxectivos da xornada, os diferentes modelos de xestión dos comedores escolares, neste caso tivemos tres visións, dúas prácticas e unha teórica, que non son máis que o inicio do que pretendemos que sexa un camiño máis longo:

O primeiro en comentarnos a súa experiencia foi Manuel Cid, concelleiro de educación do Concello de Allariz; alí teñen un único comedor escolar, que está dentro do sistema de xestión directa da Xunta de Galicia polo que dispoñen de cociña e persoal propio; a diferenza con outros centros co mesmo modelo de xestión está na singularidade de ser un único centro no Concello, e da implicación que esta Administración municipal ten, a maiores das axustadas achegas económicas da xunta, para que a alimentación que alí se lles dá aos nenos e nenas cumpra criterios de calidade, mesmo avanzando dun xeito significativo nos aspectos ecolóxicos do produto que se consume.

Nunha liña similar falou David Santomil, concelleiro de educación do Concello de Ames, aínda que a experiencia no seu Concello é moi diferente xa que a xestión dos menús escolares está directamente organizada polo concello, que conta cun convenio coa Xunta de Galicia que lle achega menos do 7 % dos custos do servizo.

No caso de Ames, nunha aposta que xa leva once anos en funcionamento, o modelo organízase ao redor de dúas cociñas, nas que se preparan produtos de tempada e de proximidade, adquiridos sempre que é posíbel a provedores do propio Concello, o que significa tamén un investimento de gran importancia na economía local e que tamén foi posto en valor polo concelleiro; esta produción distribúese logo, en vehículos propiedade do concello, a todos os colexios públicos de Ames, un sistema que traballa sobre distancias moi reducidas que permiten que o espazo de tempo entre a elaboración e o consumo é realmente pequeno e garante a calidade dun produto recén preparado.

Á parte da loxística, o Concello de Ames conta tamén co persoal de cociña necesario, así como o persoal administrativo; porén, o persoal de atención, os-as monitores-as contrátanse a unha empresa de servizos.

Ámbolos dous concelleiros coincidiron plenamente na dificultade que supón estar suxeitos a unha normativa sanitaria e de contratación moi restritiva, preparada para a defensa das grandes corporacións alimentarias, e que ten ás veces un encaixe complicado dentro do quefacer municipal

Por último, Javier Sánchez, presidente da Confederación ANPAS GALEGAS, na que se  integra a Federación Compostela de Anpas de Centros Públicos que organizou esta Xornada, falounos do modelo que esta Confederación presenta como ideal de futuro, e que se basea nunha premisa inicial clara: os comedores son servizos educativos complementarios que deben depender da Xunta de Galicia en todos os casos, e deben responder a un modelo único para todo o territorio galego, e dende esa óptica hai que entender todo o que os arrodea; sen esquecer que neste momento os comedores están tamén a cumprir dúas funcións de clara importancia: son un mecanismo de compensación social, e son tamén unha fórmula de conciliación da vida laboral e familiar. Aínda que aquí o relator fixo un inciso para reclamar, porque todos os foros son positivos para esta reclamación, que esa conciliación debería recaer na empresa e na relación laboral, e non na infancia e na relación familiar, como ocorre agora.

O modelo que a Confederación defende sería de prestación obrigatoria alí onde houbese demanda, sen que a administración educativa tivese a posibilidade de negarse a ese servizo, e disporían de cociña propia, ou no seu defecto e sempre que fose xustificable, no centro máis achegado; sería un servizo que puidesen utilizar todo o alumnado do centro dun xeito gratuíto, porque da súa consideración como servizo educativo debería derivarse o seu completo funcionamento a través dos presupostos públicos, financiados cos impostos de todos e todas, ao igual que o resto dos servizos que completan o Ensino Público Obrigatorio.

Sería un modelo dependente da dirección do centro educativo, pero coa colaboración dun profesional especializado-a que tería a consideración de encargado do comedor que sería quen efectivamente levaría a xestión práctica do servizo, e contaría co persoal educador, coidador e de enfermería que cada centro necesitara, e que tería unha relación laboral directa coa Administración da Xunta de Galicia.

En canto á calidade do servizo, organizado sempre dende as premisas de proximidade, tempada, atención ao provedor local, e adaptación ás necesidades do alumnado concreto, é preciso que a Xunta de Galicia estruture unha equipa de profesionais especialistas en nutrición que se encargue de elaborar protocolos de actuación xeneralizables, e tamén do posterior control e colaboración sobre a realidade cotiá dos comedores escolares.

O modelo que presentou Javier, que realmente resultou estar de acordo con todos os anteriores relatorios, deu finalización a unha Xornada da que podemos tirar as seguintes conclusións:

1.- As familias compostelás, e por extensión as galegas, queremos que os nosos fillos e fillas teñan unha alimentación, e unha atención, saudable e de calidade nos comedores escolares, con alimentos que procedan da nosa contorna, preferiblemente ecolóxicos, e que correspondan ao itinerario temporal natural da produción.

2.- Queremos que eses alimentos se preparen na proximidade do tempo e do espazo, sen que interveñan procedementos de conxelación e requentado, ou artificiais mantementos en quente durante horas; e respectando no posible a máxima de: “un colexio, unha cociña”.

3.- Queremos que a Administración que se encargue da xestión dos comedores escolares, que nun modelo ideal debería ser a Xunta de Galicia pero que agora mesmo é o Concello de Compostela, organice un servizo que recolla estas demandas, e que ademais serva para potenciar a economía local e a implicación dos colexios, e do alumnado, na vida da cidade.

4.- E por último demandamos que a valoración do servizo de comedor escape do discurso simplemente económico, que é certo que é necesario dar e escoitar, pero que debe diferenciar a necesaria atención as persoas con dificultades económicas persoais, propio dos servizos sociais, do establecemento do prezo necesario para que os nosos fillos e fillas teñan a alimentación e o servizo que nós queremos para eles.

E a segunda xornada será en Ames un pouco despois de que comece o próximo curso, logo de que o seu concelleiro de educación así o ofertara durante o seu relatorio. Será un pracer desprazarnos ao concello veciño.

NÓS, EN GALEGO

15 Maio, 2016

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

As ANPAs traballamos para a mocidade, para o futuro, para as xeracións que decidirán como vai ser este mundo cando nós xa non sexamos quen de facelo, tamén cando xa non esteamos; nós traballamos para lle devolver aos nosos vellos o que por nós fixeron, coma eles devolveron en nós o que eles recibiron; somos nais e pais, o elo eterno e permanente que nos xunta ao principio dos tempos e que pode levarnos ao infinito da historia.

Temos moito que lles deixar aos nosos fillos e fillas, moita historia e moita sabedoría, moita experiencia e moitos fracasos corrixidos, temos que lles entregar, primeiro ca nada, aquilo que a nós nos deron, o saber dos que viñeron antes, a consciencia da cadea da que forman parte, os nomes dos avós, os seus traballos, as súas anécdotas, o conto perfecto da súa realidade, da súa vida.

Logo entregámoslles a nosa propia vida, o devir cotián da nosa existencia común, o que vexan en nós, o que aprendan de nós, o que escoiten e palpen, seremos os seus actores e cantantes para que sexan o noso primeiro público, os fabuladores da súas primeiras historias.

Teremos que ser quen de amoblar o camiño dos nosos fillos e fillas coas construcións sólidas que nos trouxeron ata aquí, de facérllelo cómodo e seguro, afirmado e rotundo, logo xa serán eles quen o camiñen e o melloren; eles han ser, como cada quen de nós o fomos e aínda o somos, quen tomen as decisións e quen vivan a súa liberdade, pero nós temos a obriga de lles dar as armas para tomalas e para vivila.

E a maior arma que podemos entregarlles, o máis grande legado, é a maneira de nós falar e escoitar, o meirande tesouro serán as nosas palabras, os nosos escritos, os miles de millóns de horas faladas que penduran no ar da nosa vida común como pobo, como cultura, como realidade; a nosa maneira de organizar este lugar, este espazo, esta convivencia; entregaremos a terra falando de soutos e cortiñas, darémoslles o ar sinalando avelaíñas e curuxas, cederémoslles o lume cando lles contemos de lapas e lóstregos; compartiremos con eles a auga cando percorramos con eles as ribeiras e as fervenzas.

O lugar eterno onde poderemos vivir para sempre, cos antergos e cos vindeiros,non é outro máis ca nosa lingua, o noso idioma, o noso son, as nosas verbas, todo cando dixemos e diremos, todo o que escoitamos e respondemos:  transmitamos o galego como un lugar e unha presenza, como un berce que sempre nos acolle, falémolo sempre porque é onde estamos asegurados , porque é cando podemos ser quen somos.

Temos que lles dar o galego aos nosos fillos e fillas como parte de si propios, como parte de nós, e para llelo dar forte e vivo temos que defendelo con forza e decisión:

O PRÓXIMO 17 DE MAIO, ÁS 12:00 NA ALAMEDA COMPOSTELÁ

O IDIOMA É A VIDA, A NOSA VIDA.

 

É noticia que o gasto público en educación caeu un 15 % durante a crise, mentres que o gasto familiar medrou preto dun 30 % no mesmo período; nada novo ou que non coñeceramos, non había máis que mirar ao redor, máis aínda cando que en Galicia os orzamentos da Consellería de Educación baixaron un 33 % dende 2009, deixando 680 millóns de euros no camiño, e así é a nosa realidade: os centros educativos públicos están nos límites operativos nos seus orzamentos, os cadros de persoal reducíronse ata estarmos no mínimo posible, de tal xeito que nin cobren axeitadamente as baixas por enfermidade dos compañeiros; a atención á diversidade, que tamén precisa de medios económicos, ficou pouco menos que abandonada nestes anos; as iniciativas que se saen do funcionamento estritamente indispensábelcoutáronse totalmente e non hai cartos para saídas, para material, mesmo moitas veces para os bens máis elementais, calefacción, ambientes confortables, mobiliario axeitado, dotación de novas tecnoloxías, todo se reduciu.

Ao mesmo tempo as familias pagamos matrículas maiores nas ensinanzas artísticas e musicais, e por suposto nas universitarias; no ensino obrigatorio pagamos totalmente os libros de texto, porque antes da crise cumpríase o mandato constitucional da súa gratuidade e ninguén os pagaba, agora incúmprese; agora todas as familias copagan os comedores escolares que antes eran gratuítos, temos cada vez máis esixencias por parte dos centros educativos que se ven afogados nas súas contas, pagamos fotocopias, pagamos saídas extraescolares, moitas anpas son requiridas para participar economicamente no mantemento dos centros escolares, para achegar uns centos de euros para poder facer unha competición deportiva ou unha exposición artística; mercamos os libros que deben ler os nosos fillos e fillas porque as bibliotecas non teñen dotación para se actualizar…, para nós todo o gasto incrementouse.

E isto é grave, moi grave, pero hai algo moitísimo peor: estase introducindo unha conciencia de abandono do público, unha sensación de que esa educación que reciben os nosos fillos e fillas non é de calidade, non é boa, que é preciso suplementala externamente con outros medios, outros profesionais, actividades complementarias, outras perspectivas de futuro, e as familias continuamos a pagar para tentar mellorar dende fóra o que se nos está a negar dentro, cada vez un pouco máis.

Máis isto ten tres consecuencias perversas, a primeira é que dentro dese contexto de recorte hai dous tipos de familias, as que poden pagar eses complementos aparentemente necesarios, e aqueloutras que xa directamente non teñen capacidade económica para facelo, ben porque non poidan achegar ningún tipo de recurso complementario, ou ben porque a contía do recurso que os seus fillos ou fillas precisarían é dun tal custo que resulta inaccesíbel; e por aí imos privando do dereito á educación aos nenos e nenas que pertencen a familias con situacións económicas complicadas, aos que teñen necesidades especiais de solución difícil, aos que precisarían unha axuda suplementaria a xeito de clases de reforzo ou colaboracións puntuais; afondamos máis na privación cando se recortana atención á diversidade e se van creando pequenas parcelas de discriminación, non facemos actividades inclusivas porque son máis caras, non temos persoal de apoio que lle permita a moita xente dar ese pequeno salto cara a presenza normalizada no seu colectivo, non adaptamos os centros escolares a toda a variedade do seu alumnado.

A segunda consecuencia é o abandono que están a sufrir miles de profesionais do ensino público, que ven infravalorado o seu traballo sen teren a posibilidade de demostrar a súa capacidade e o seu interese; moitos dos nosos profesores e profesoras non son quen a levar adiante un proxecto porque non teñen ningún dos medios necesarios para xestionalo, porque todo o seu traballo ten que adicarse á docencia presencial, privándolle de valor a todo o traballo complementar que poderían e mesmo deberían facer.

E a terceira consecuencia, que é a maior perversión do sistema, é a ruptura da equidade que sempre foi o faro do noso Ensino Público. Se non temos un ensino inclusivo, se non temos un ensino no que caibamos todos e todas, dá igual os medios que as familias economicamente favorecidas lles poidan achegar aos seus fillos e fillas, dá o mesmo o número de títulos universitarios que se poidan conseguir, importan pouco as listaxes de nivel ou os postos que se poidan ascender neses informes pagados dos que tanto gustan estes gobernos, o que obteremos do noso ensino público é xente mal formada, porque non teñen medios, nin materiais nin humanos para se formar mellor; pero o que obteremos como sociedade, veñan do ensino público, do concertado ou do privado, é xente socialmente incompleta, que non serán quen de comprender a variedade da nosa propia esencia e que descoñecerán a complexidade que nos define como seres humanos.

Levamos anos dicíndoo: non gastar en educación é o mesmo que traballar na creación dun enorme burato negro no noso futuro, máis que ninguén se engane: nese burato imos caer todos e todas, primeiro os máis desfavorecidos, pero logo han caer todos os demais, porque unha sociedade que non é xusta nas oportunidades e nos medios para conseguilas non é unha sociedade que poida sobrevivir.

8 de marzo

8 Marzo, 2016

Novamente imos festexar este oito de marzo o día da Muller Traballadora, lembraremos outra volta que na nosa sociedade moderna existiu ata non hai moito un colectivo de cidadás que non tiñan dereitos laborais coma os dos homes, que non tiñan salarios como os dos homes, que non tiñan futuro nin proxección, nin promoción ou recoñecemento, como os dos homes. Iso vai ser o que digan, que existiu.

Probablemente teñamos unha morea de declaracións de altísimos cargos, e dalgunha carga, dos nosos poderes públicos, dicindo que somos unha sociedade do século XXI, que xa temos normalizada a presenza da muller no mundo laboral, que o nonseicantos % de postos directivos xa están en mans de mulleres, e que dentro de xa case nada poderemos asistir á paridade absoluta e ideal.

E logo volveremos todos, e todas, para casa; e ficaremos moi felices dos nosos avances sociais e laborais mentres as nosas mulleres preparan a cea, e van pensando en como organizar a súa xornada de mañá, que inclúe unha xornada laboral, como a dos homes, unha atención especializada aos seus fillos, non como a dos homes, unha planificación do fogar familiar, onde tamén viven os homes, e quizais un pensamento cara esa sociedade moderna na que de feito non viven nin elas, nin tampouco os homes.

Pero nós somos anpas, asociacións de nais e pais de alumnado de centros de ensino públicos; as nosas asociacións efectivamente traballan polo ensino público, e tamén teñen que ver co seu alumnado, están constituídas por familias e dentro desas familias hai nais, moitas, e algún pai, non demasiados.

A meirande parte do traballo na educación dos fillos neste noso País cae no lado das mulleres, das nais das familias; xeneralizando, e aplaudindo ás excepcións masculinas que son moitas pero non abondas, as mulleres son quen atenden a crianza, quen van falar cos profesores, quen están ao tanto das tarefas dos fillos e fillas, quen controlan a súa saúde, a súa alimentación e a súa vestimenta. As mulleres son quen coñecen os seus horarios, quen merca os libros de texto, quen fan a provisión do material escolar. Son tamén as mulleres quen acompañan aos seus fillos e fillas ao médico, quen atenden os seus despistes e quen aplauden os seus éxitos; son taxistas, seguidoras deportivas, conselleiras de necesidade, subministradoras de excepción, especialistas en sumas cando se suma, e en divisións cando se divide.

Nós non entendemos porqué se celebra este día, agás de que fose para que elas tivesen festa polo menos un día ao ano, e ese día puidesen erguerse, ducharse, ir traballar, volver e ter o xantar na mesa, marchar logo a descansar un anaquiño antes de volver ao traballo, e regresar na tardiña á casa para tirarse cansas nun sofá mentres alguén lles trae a cea. Esa sería unha boa celebración, a outra é obrigatoria para honrar a memoria das que lograron moitas das cousas que hoxe se teñen, pero non debería ser necesaria para continuar reivindicando unha igualdade de dereitos que debería avergoñarnos non ter conseguido.

Non é xusto dicir que os homes deste tempo son todos así, como debuxa o simple exemplo do parágrafo anterior, non é certo; cada día son máis quen entenden que están en pé de igualdade coa persoa coa que comparten a vida; máis os que saben que os fillos son tan seus como delas, e que non hai responsabilidade pequena na súa crianza e educación. Hai xa moitos homes que saben que a convivencia coa parella implica a asunción do traballo común como propio, e que todo temos dereito ao tempo libre, igual que temos a obriga de non facer uso del mentres o outro-a non poida facer o mesmo.

Pero mentres non sexamos todos os homes quen actuemos dese xeito, mentres haxa mulleres que traballan varias xornadas todos os días; nós, os pais do ensino público, debemos esforzarnos para que elas teñan os mesmos dereitos que todos os homes, e para que cando todos teñamos eses dereitos poidamos traballar xuntos para conseguir outros e mellores.

E tamén, porque sempre traballamos para o futuro, debemos deixar nas nosas fillas a idea firme dos seus dereitos, a seguranza das súas capacidades, a confianza en si propias que lles ha permitir ser mulleres independentes e autónomas que non piden permiso para estar e actuar; para que poidan vivir a súa vida como parte dunha sociedade que inclúa á vez, e da mesma maneira, a todas as persoas que participamos deste amplo lugar no que vivimos.

COMEDORES DE COMPOSTELA

19 Xaneiro, 2016

Hoxe, luns 18 de xaneiro de 2016, estivemos reunidos os representantes das anpas da cidade de Compostela que temos os comedores dos nosos colexios xestionados a través do contrato de servizo do Concello. Estivemos presentes 9 das 10 anpas incluídas nese contrato, polo que os acordos tomados e as decisións que logo se indican teñen o valor de gran maioría e represéntanos a todas as anpas afectadas.

A reunión, na que valoramos a difícil situación pola pasa o servizo de comedores escolares dende a apertura do curso o pasado 10 de setembro, e logo dunha posta en común do sentir das familias ás que representamos, chegou ás seguintes conclusións:

1. As familias compostelás queremos que o servizo de comedores escolares quede ao marxe do xogo político das distintas forzas presentes na casa do Concello. Entendemos que o debate sobre este problema debe facerse dun xeito construtivo, achegando todos os concelleiros o mellor do seu traballo para a resolución dun problema que afecta a preto de mil escolares e ás súas familias.

2. Desexamos que a adxudicación dos comedores escolares se realice dun xeito urxente e definitivo; a máis forte demanda das familias é a da seguridade e estabilidade logo destes catro meses incertos; queremos tamén que o Concello, que dispón dos datos das familias usuarias, informe directamente das novidades que poida haber nun próximo futuro, para evitar así o cúmulo de informacións contraditorias que están a chegar dende diferentes fontes durante este período.

3. Entendemos que, chegados case ao meridiano do curso académico, o prioritario é normalizar o situación actual, polo que instamos que a nova contratación se basee en criterios de: mantemento das condicións de servizo, mellora e control da calidade das comidas e continuidade nos custos que asumimos as familias.

4. Agradecemos á actual empresa concesionaria do servizo a súa colaboración na prestación do mesmo durante estes meses; porén, non desexamos a súa continuidade e instamos ao Concello para que a empresa que se contrate ata, como mínimo, a finalización do presente curso, sexa unha empresa de proximidade, que prepare os alimentos preferiblemente dentro do propio Concello e que traballe, na medida do posible, con produtos achegados e de tempada.

5. Pretendemos manter un diálogo fluído e constante coa nova empresa adxudicataria, para o que demandamos que o Concello organice canles periódicas e permanentes que o posibiliten; entendemos que hai que afondar na comunicación entre as tres partes implicadas: concello, empresa e usuarios.

6. Queremos que a partir do mesmo momento no que se asine un novo contrato, se comece a traballar en común, familias e Concello, dun xeito longo e participativo, que dea lugar a un modelo de xestión que sexa querido e aceptado por todas as partes e que nos libere da dependencia inevitable das empresas do sector do catering.

7. Apoiamos, por último, as demandas dos monitores dos comedores, para que os períodos de organización e recollida das dependencias sexan previos e posteriores ao horario de atención aos nenos e nenas usuarios.

3 Xaneiro, 2016

FELIZ ANO NOVO LAICO

Estas datas que estamos a vivir son as propias dos bos desexos e as boas intencións, fanse plans para o futuro inmediato coma se a posta a cero dese peculiar contador que son os anos trouxera tamén aire fresco e renovación, coma se fose posible que as cousas mudasen só por soar doce badaladas.

Os que traballamos no terreo dos desexos e das utopías -porque tentar mellorar o Ensino Público Galego é iso actualmente- sabemos que son necesarias para termos unha meta cara a que mirar, un modelo que esixir, pero tamén sabemos outra cousa: que nós, os que temos fillos en idade escolar, non vivimos de ano en ano, vivimos de curso en curso, o noso peculiar fin de ano adoita coincidir un pouquiño antes do Lume Novo, e curiosamente non comezamos o ano seguinte dun xeito inmediato, como acontece co calendario civil, tardamos case tres meses en facelo, os nosos anos duran 9 meses e logo temos tres meses de desconexión forzada.

Os nenos e nenas galegos que están agora no ensino obrigatorio, acaban de ter un período de traballo de 102 días (68 lectivos), teñen agora unhas vacacións de 17 días e volverán traballar outros 74 (49 lectivos, en dous períodos separados polos tres días do Entroido) descansarán 8 máis e traballarán novamente 86 días (61 lectivos), para logo parar durante os 79 días do verán. Ao final, logo de lles descontar as festividades locais, ou os días de libre disposición do centro no seu caso, os nosos escolares teñen ordinariamente un curso de 175 días lectivos; mentres tanto as familias que teñan a sorte de ter un posto de traballo terían que atendelo durante 230 días ao ano, a diferenza é moi visíbel.

Evidentemente, temos todos un problema. Teñen un problema os nosos fillos e fillas, que alternan períodos de traballo e de descanso que non obedecen a ningunha orde lóxica (102-17-74-8-86-79), temos un problema as familias que non conseguimos conciliar a nosa vida laboral coa familiar sinxelamente porque traballamos moitos máis días , e máis horas cada día, ao ano que os días escolares dos nosos fillos e fillas; e temos un problema como sociedade porque admitimos sen a protesta necesaria unha serie de normas que comprimen uns currículos amplísimos en períodos lectivos non axeitados en duración para a súa aprendizaxe.

As diferenzas entre tempo lectivo e tempo laboral deberían levarnos a pensar no pouco que atendemos á familia nesta sociedade, no absurdo que é o discurso da necesidade de nacementos cando non vai acompañado das políticas de soporte familiar necesarias, no inconsistente que é unha sociedade que di defender a igualdade pero que aínda hoxe carga sobre a muller a maioría do peso da crianza e educación dos fillos, peso enorme que é inasumible agora mesmo sen renunciar á propia proxección persoal. E conste aquí que non avogamos polos nenos e nenas “ocupados” tanto tempo como precisen as necesidades laborais dos pais e nais, máis ben defenderemos o contrario, que sendo a xuventude un ben necesario, é preciso que aqueles que teñan descendencia atopen todas as facilidades para poder coidala e atendela como merece.

A problemática dos currículos esaxeradamente amplos, tanto que non collen nos períodos lectivos existentes, e que forzan a esixencias desmesuradas e inútiles, é algo que vimos denunciando con máis forza dende que se aprobou a LOMCE, lei da que aproveitamos para lembrar a necesidade social da súa derrogación se realmente queremos vivir na modernidade, pero que xa viña dende atrás, e que seguirá mentres non se comprenda que a acumulación de contidos non conduce a unha mellor formación, e que son os cambios nas metodoloxías do ensino, e non a abundancia de materias, as que poden conducir a un modelo máis eficaz e válido para o individuo.

Pero neste momento interésanos, diante do novo ano, deixar unha reflexión sobre o absurdo dos nosos calendarios escolares, xa só dende o punto de vista do alumnado, das súas necesidades de organización e descanso. Temos uns calendarios que dependen fundamentalmente das festividades relixiosas católicas, baséanse en Nadal e semana santa como elementos sobre os que se moven os eixos da programación temporal, situación que se complica innecesariamente pola desproporcionada duración do Nadal en relación á semana santa, e pola variabilidade anual da situación desta última, algo que resulta inadmisíbel e anacrónico, e que tamén resulta absurdamente innecesario dende o momento en que o único día festivo obrigatorio de toda a semana santa é o que se chama venres santo, o que converte a situación actual nun costume que se eleva a rango de norma e que ataca directamente contra todo intento de racionalización da vida escolar.

Partindo da realidade dos nosos 175 días lectivos anuais, o lóxico sería pensar en establecer períodos que fosen divisións desta cifra total, redondeando en tres períodos de 58 días, ou catro de 44, e establecendo os períodos de descanso dun xeito uniforme entre estas épocas de estudo; dando quizais un maior peso ao verán, polo costume adquirido e porque realmente é época máis de lecer ca de traballar, pero fixando dun xeito estábel a situación dos trimestres ou bimestres para que o esforzo, e sobre todo o descanso, responderan a un criterio pedagóxico obxectivo, e á real capacidade de facer unha programación asumíbel por docentes e alumnado.

Manteñamos as vacacións de outono e de primavera, estudemos se é necesario que haxa tamén vacacións de inverno, rompamos a inercia das longuísimas vacacións de verán, fixémolas todas en períodos uniformes e estábeis e que obedezan a unha programación do traballo e do descanso, e organicemos os contidos de maneira que poidan ser comodamente impartidos neses períodos. E teremos dado un gran paso na mellora do noso sistema educativo e na organización da vida familiar.

Para que o novo ano nos traia unha Escola Pública Laica, libre dos condicionantes dunha tradición relixiosa que debe permanecer no ámbito privado das familias, e nunca na organización dos tempos laborais dos nosos fillos e fillas.

Feliz 2016 a todas e todos.

Educamos na violencia?

25 Novembro, 2015

Hoxe, 25 de novembro, é o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, unha das máis grandes evidencias de que o noso nivel de educación está moi lonxe do desexable para garantir unha convivencia pacífica e enriquecedora.

A violencia contra das mulleres é a materialización da conciencia de posesión que aínda hoxe moitos homes teñen sobre elas; non é só un acto violento produto dunha sociedade permisiva, é un acto de poder contra aquela que se considera inferior, que se ve como obxecto de dominio. É un grao máis da violencia, a que despreza as vítimas, a que mesmo as fai responsables de seren, á vista do agresor, diferentes.

Nós traballamos na educación, na mellora do ensino público por suposto, pero tamén na educación privada e familiar de cada un dos nosos fillos e fillas, e de todos aqueles nenos e nenas, mozos e mozas que se relacionan connosco. E ese traballo ten que contemplar esta situación como un dos eixos sobre os que debe xirar a nosa actuación; a violencia combátese cunha educación en igualdade, o desprezo rebátese coa conciencia do outro, da outra, como alguén cos mesmos dereitos cos que cada quen de nós se identifica; as diferenzas anúlanse cando un mesmo se visualiza como diferente, cando se traballa na certeza dunha diferenza colectiva que inclúe todas as personalidades e todas as circunstancias.

Botamos de menos ese traballo na escola pública; botamos en falta un traballo efectivo en prol da igualdade. Non abonda, nin moito menos, coa existencia dun trato homoxéneo nas aulas; non abonda coa presenza de mestres e mestras entre os profesionais para que se visualice a igualdade; hai que traballar en positivo, educar para crear valores que contrarresten os que os nosos nenos e mozos reciben dun xeito claro a través da publicidade, dos xogos, do audiovisual, aprenderlles a interpretar en clave crítica os modelos sociais erróneos, incidir na valoración positiva das condutas de colaboración e de equidade, e sobre todo contribuír a visualizar as condutas machistas e violentas como un arquetipo desprezable e publicamente indigno.

Máis tamén deberemos facer autocrítica, os nosos fillos e fillas teñen que dispor dun modelo na casa que responda a aquilo que queremos que eles aprendan, non existe aprendizaxe vital nos libros, non cabe dar pautas que se ven negadas coa propia actuación; traballar na igualdade e no respecto implica a ruptura con roles e comportamentos que son un exemplo en negativo do que pretendemos inculcar. Tamén aquí, na vida familiar, non abonda coa conciencia persoal de respecto cara o outro, hai que traballar para que os nosos fillos e fillas vexan e gocen dese respecto, teñen que ver sempre que a súa nai, e todas as mulleres da familia, son tratadas coa mesma consideración e valoración coa que se trata aos homes, e que todos son tratados co respecto que merecemos como persoas.

Probablemente a maioría de nós esteamos certos de que iso é o que estamos a facer, mais a realidade indica que non é así, que algo estamos facendo mal, os casos de violencia rotunda están saíndo constantemente e déixanos abafados, pero as pequenas violencias, os indicios de dominación, os reclamos de aprobación, as clasificacións sexistas, mesmo os requirimentos sociais diferentes están aí todos os días, en todos os momentos, e non temos contra eles o nivel de intolerancia que deberiamos.

Todos os que temos fillas tememos constantemente que poidan ser violentadas de calquera das maneiras posibles, tememos que na súa vida inocente apareza en calquera momento alguén que as maltrate, que as anule, que as desprece; e todos os que temos fillos tememos coa mesma forza que eses fillos nosos poidan ser a parte activa desa violencia; por iso cómpre educar na igualdade, para que ese tipo de condutas sexan algo inimaxinable na mente dos nosos fillos e fillas, para que medre neles un rexeitamento visceral que lles impida ser violentos, e para que se cre nelas a clara conciencia de que ninguén, baixo ningún título posible, ten dereito a exercer a violencia sobre elas.

Sexamos esixentes na igualdade, sexamos implacables na esixencia da tolerancia e o respecto aos demais, non admitamos ningunha razón que xustifique a máis mínima discriminación dunha persoa por outra, e teremos avanzado moito na eliminación desta violencia que hoxe temos aínda que denunciar como unha vergoña de toda a sociedade.

 

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 90 segidores