Home

Conciliación laboral e familiar

13 Decembro, 2008

Desde a ANPA Fontela recibimos esta carta remitida a Vicepresidencia a finais do curso pasado. Aquí queda para a vosa consideración, reflexión, debate, comentarios…

A ANPA Fontela do CEIP Fontiñas, desde a plena defensa da calidade do ensino público, ten entre os seus fins promover a plena realización do principio de gratuidade no eido do ensino, así como a efectiva igualdade de dereitos de tódolos/as alumnos/as sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, raza ou sexo. E para iso debe requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, demandando a atención e axudas que esta merece.

Como cada ano sucede que o día 20 rematará o período lectivo do curso escolar 2007-2008 e a maioría das familias atoparémonos co mesmo problema de sempre: a reorganización da vida cotiá nese tempo no que os nenos/as están de vacacións pero non os pais e nais. Un ano máis constatamos que non existe –ou non coñecemos- unha solución por parte da administración que permita conciliar as obrigas laborais coa atención á familia nese período, a pesares de insistirse desde a administración no interese e favorecer dita conciliación.

As saídas atópanse exclusivamente no ámbito privado, ben coa contratación de alguén que atenda ós nenos/as ou pagando servizos de actividades que organizan algúns centros privados. Calquera destas dúas opción non son asumibles por toda as economías, xa que o custo deste servizo rolda os 140€ por asistente durante un mes, isto obriga a solucións que requiren a axuda dos avós ou tíos, que non en tódolos casos están dispoñibles e supón o sacrificio das vacacións de todos os membros da unidade familiar ao non poder coincidir no tempo.

A experiencia no Concello de Santiago, coa semana de actividades en só tres colexios públicos a finais de xuño, demostra que si hai unha necesidade deste servizo, o mesmo que o comedor escolar e o servizo de madrugadores (ámbolos dous soportados polas ANPAS); sen embargo unha semana pouco resolve e ademais non temos constancia de que este ano se vaia ofrecer.

En consecuencia solicitamos que sexa a Vicepresidencia, ben a través da Secretaría Xeral da Igualdade ou do departamento que considere, quen dispoña os medios necesarios para que as familias poidamos contar con este servizo imprescindible para conciliar a vida familiar e laboral. Sabemos que se artellou por medio dunha lei e a través dos concellos a dinamización de actividades de conciliación para o ensino obrigatorio, sen embargo, creemos que debería ser a administración autonómica ou local, subsidiada pola autonómica, as que organicen directamente este servizo por consideralo básico e imprescindible na actualidade. Outra opción posible, que non nos parece a máis axeitada, sería o convenio coas ANPAS dos centros o que limita o acceso ao servizo ao alumnado
do propio centro, ou ben coa Federación Municipal de ANPAS de Santiago, en fase de constitución, ou ben mediante a subvención directa ás familias con menos recursos mediante bolsas.

Ademais deste servizo de actividades de verán, é necesario o chamado servizo de madrugadores, xa que durante todo o curso o horario laboral e lectivo coinciden no inicio da xornada.

As mulleres, e algún home, facemos dobre xornada para poder atender o noso traballo e atender tamén a nosa familia. No verán, á falta dun sistema regularizado de atención ós escolares, vémonos obrigadas a facer incluso tripla xornada, algo inconcebible na actualidade, onde o benestar social é un obxectivo colectivo que a administración debe garantir.

En Santiago de Compostela a 28 de maio de 2008.
Pepe San Luís
Presidente da ANPA Fontela do CEIP Fontiñas

4 Responses to “Conciliación laboral e familiar”

  1. Pepe Sendón Says:

    Toda a razón do mundo, e máis vendo o bombo que lle dán as administracións á tan traída e levada ‘conciliación’. As axudas das que falamos o outro día que acabaron de concederlle aos concellos, non eran para precisamente fomentar a conciliación? Haberá que vixiar se realmente son destinadas a iso. En calquera caso, son axudas de Educación. Deberíamos seguir dándolle a vara a Vicepresidencia? Insistimos os demáis centros?

  2. ANPA Fontela - CEIP Fontiñas Says:

    Unha puntualización, a carta remitímoslla nós a Iguladade, non eles a nós. A súa contestación a varios correos nosos foi que o ían estudar e que lle reclamaramos tamén a educación. Outa vez somos a pelota que rebota… E mentres este Nadal soluciona o problema como poidas, ou vaite vivir a Ames. Creo que habería que mandarlle a carta como Federación a Iria de Igualdade para lembrarlle que non fixeron nada e estas vacacións temos de novo o problema. Poderíaselle incluir a pregunta sobre a subvención que dan aos concellos, se Santiago a pide e se controlan se o destino é axeitado. Por que non lle preguntan ás nais e pais se a subvención está xustificada, se as actividades permiten a conciliación e cando? Se as actividades que programa o concello de Santiago son Nadalxogo e Ferradura Aberta eu creo que non se cumpren os obxectivos.

  3. Manuel García Says:

    Comprendo que o que se solicita é necesario a curto prazo, pero coido que incidir só nesa vía é levar o camiño no sentido equivocado. Conciliar familia e traballo non é o mesmo ca desfacerse da familia para poder atender máis e mellor o traballo. As actuacións políticas que se reclamen, non deberían ir máis no sentido de que teñamos dereito a redución laboral cando temos fillos pequenos, á blindaxe do posto de traballo se nos acollemos a ela, á flexibilidade ou prioridade na elección dos horarios, a compensacións económicas como as que saca Vicepresidencia para que os homes pidamos redución laboral e atendamos os fillos pequenos, etc.? Por aí polo norte de Europa téñenvos historias destas funcionando…

    É certo que hai moita xente para a que supón un serio problema isto que se fala na carta pero non é menos que todos sabemos que tamén hai algún pai que bufa á semana de ter os fillos con el todo o día, ou que prefire as horas extras a aturar os fillos. Non creo no café para todos, e sei que hai nenos de tres anos que viven no colexio, que no comedor en vez de comer choran do cansos que están e logo aínda van a actividades extraescolares, e atrévome a afirmar que non en todos os casos era isto imprescindible. Non entendo do tema pero o sentido común indica que ós cativos lles ten que pesar no seu desenvolvemento físico e síquico.

    En fin, era por enredar un pouco…

  4. Pepe - Fontiñas Says:

    Eu tampouco creo no café para todos, se tratamos as diferecias de xeito igual só as aumentamos. É certo que a solución é a curto prazo pero sería un primeiro paso no que apunta Manuel, que xa hai melloras coma que apunta el pero non sei se é posible fóra da administración ou organismos públicos. Tamén é certo que poñer os medios para alongar a estancia dos cativos no colexio pode contribuir crear algún problema nos propios cativos, pero esa responsabilidade non é de quen pon os medio para alongar a estancia, senon da nai e do pai que fan un uso abusivo dese medio, cantas persoas hai que tendo os medios económicos para deixar aos fillos/as no colexio desde as 8 ata 18h non os deixa? Se temos diversas posibilidades para coniliar a vida familiar e laboral cada quen vai escoller o que lle resulte máis conveniente e ogallá a política tenda a ofrecer máis dereitos laborais e menos parches provisionais.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: