Home

Os centros públicos rexistran un repunte da matrícula de infantil

3 Abril, 2009

O Pío XII ten 86 solicitudes só para nenos de primeiro de educación infantil e 21 para os demais cursos

Algúns colexios non poderán atender todas as demandas de praza recibidas ata o pasado 31 de marzo

Autor: Marga Mosteiro 3/4/2009

Todos os colexios públicos da cidade, salvo un par de excepcións, rexistraron un incremento de solicitudes para demandar prazas para o próximo curso escolar. Algúns non poderán atender as peticións e será a comisión de escolarización a que teña que dirimir quen conseguen unha das desexadas vacantes. Outros, que non cubriron todas as prazas libres, mostráronse seguros de que encherán as aulas coa chegada de alumnos doutros municipios, fundamentalmente procedentes de Milladoiro, onde non hai suficientes vacantes para atender o incremento da natalidade do municipio.

Tamén nos colexios concertados da cidade recibíronse numerosas solicitudes e, salvo algúns casos, tampouco poderán atender a todos os demandantes, que deberán esperar a que a comisión de escolarización faga públicas as listas. Algunhas fontes apuntaron que é probable que non se coñeza a resolución ata finais de abril, dado que se espera que se produzan reclamacións para intentar rabuñar postos especialmente nos centros máis demandados.

O colexio público coa demanda máis alta é o Pío XII, que recibiu 86 solicitudes cando ofertaba 75 prazas, das que nove quedan reservadas para alumnos de necesidades especiais. Tamén para os outros cursos houbo peticións, ata naqueles casos nos que non se ofertaban prazas. Así, para segundo de infantil presentáronse seis solicitudes aínda que non hai vacantes e catro para terceiro de infantil, onde había dúas prazas libres. Outros oito nenos aspiran ás dúas vacantes de primeiro de primaria; dous máis queren entrar en cuarto, onde non hai vacantes; e un desexa cursar sexto, onde excepcionalmente hai catro vacantes. No centro recoñecen que as peticións poderían ser aínda máis, pero moitos decidiron non presentar as solicitudes ao ver as poucas posibilidades de obter praza.

O López Ferreiro, con sesenta solicitudes para tres anos, tampouco poderán atendelos a todos, xa que dispón de cincuenta prazas. Outros cinco nenos aspiran ás tres prazas de catro anos e dous máis querían cursar terceiro de infantil, onde non hai vacantes.

A situación non é mellor no colexio de Villestro-Roxos. Aquí tamén terán que facer encaixes para conseguir admitir a todos os nenos, xa que se presentaron un total de 40 solicitudes, 31 só para tres anos. O director dixo que espera poder admitir a todos, pero «será complicado». Algo parecido ocórrelle aos nenos do Monte dous Postes. O director ten claro que habilitará un aula máis de tres anos, o que lle permitirá acoller ás 35 solicitudes de prazas. Este centro recibiu outras once peticións máis para catro e cinco anos e 17 solicitudes para primeiro (15), terceiro e quinto de primaria. O responsable do centro mostrouse satisfeito coas peticións, o que demostra que o colexio esperta o interese dos pais.

O colexio Apóstolo Santiago foi un dos que menos peticións recibiu con só catro para tres anos e tres máis para catro, cinco anos e primeiro de primaria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: