Home

COMUNICACIÓN AOS MEDIOS. Santiago, 5 de xuño de 2009

8 Xuño, 2009

A Federación Municipal de ANPAS de Colexios Públicos de Compostela asiste, preocupada, á ausencia dun apoio firme á educación como panca de igualdade e mellora da sociedade. Agora, ante o anuncio das primeiras medidas do novo goberno autonómico en materia educativa, este organismo que representa ás nais e aos pais dos centros públicos da cidade, quere expresar:

1. Que a decisión de reducir as materias impartidas en galego limita a adquisición real das competencias lingüísticas dos nenos e nenas e, no futuro, pode situar a un número significativo dos actuais estudantes en inferioridade de condicións no acceso a moitos postos de traballo nunha sociedade plurilingüe. O anuncio resulta aínda máis rechamante cando o Tribunal Supremo acaba de volver negar, en relación con Educación para a Cidadanía -como xa fixera o Tribunal Constitucional na Sentenza 337/1994 no que se refire á lingua propia na educación-, que poida haber un ámbito de elección para os pais no relativo á fixación do currículo escolar. Se estas medidas saísen adiante, o novo goberno, amparándose nunha suposta liberdade de elección dos proxenitores, estaría restándolles competencias e formación aos nenos e nenas nunha etapa fundamental do desenvolvemento intelectual e lingüístico, en detrimento do seu dereito a seren formados como cidadáns cultos e iguais en dereitos. Os pais e nais queremos que nos pregunten tamén sobre cuestións que realmente nos preocupan da educación dos nosos fillos/as: número de nenos e nenas por aula; necesidade de aumentar a dotación de profesorado; servizos complementarios precisos…

Pensamos que a educación é un asunto de todos e todas e que as decisións sobre a lingua de ensino correspóndenlle á cidadanía no seu conxunto polo que rexeitamos unha enquisa que non lle permite decidir aos galegos e galegas nunha decisión central para o futuro da lingua, na que se omitiu a partipación dos órganos de participación educativas na súa redacción, que non ofrece garantías de transparencia no tratamento dos seus datos e pretende crear un conflito que oculte os verdadeiros problemas da educación.

2. Que medidas recentes de supresión de moitas prazas de especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe supoñen un claro deterioro da calidade do ensino público e poñen en serio risco a integración escolar dos nenos e nenas con necesidades educativas especiais. Pola contra, é preciso dotar de máis profesorado aos colexios públicos, reducindo o número de nenos e nenas nas aulas, especialmente no ciclo de educación infantil, nas aulas con nenos e nenas con necesidades educativas especiais e na materia de lingua estranxeira. Nese sentido, resulta pouco serio falar da extensión do coñecemento do inglés con anuncios de que se impartirán novas materias nesa lingua cando o profesorado non está lingüisticamente capacitado. Tampouco se pode soster, nun país que faga da educación a súa prioridade, unha ratio de 25 alumnos/as por aula, especialmente nas clases de inglés e na etapa de 3 a 5 anos, fundamental na adquisición da autonomía e da pre-lectoescritura.

3. Que urxe que a Administración asuma a xestión dos comedores escolares e as actividades extraescolares como elemento complementario da oferta educativa garantindo a gratuidade para aquelas familias que o precisen por razóns de renda, así como a profesionalización e xeneralización destas opcións complementarias no conxunto dos colexios da rede pública. O emprego de varios millóns de euros das arcas públicas en soster centros concertados que practican a inconstitucional segregación por sexos podería financiar unha parte do custo de axudar ás familias con menos recursos con bolsas de comedor ou actidades extraescolares.

As nais e pais das ANPAS compostelás manifestan o seu firme compromiso de seguir traballando por unha educación pública e de calidade na procura dos recursos que unha sociedade avanzada debe dedicar ao ensino público para seguir mellorando.

One Response to “COMUNICACIÓN AOS MEDIOS. Santiago, 5 de xuño de 2009”


  1. http://www.nontedurmas.org/content/view/700/75/

    Sintonía perfecta. Un orgullo visitarvos.

    Antón Méixome


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: