O Consello Municipal de Educación do Concello de Santiago de Compostela rexeita o vixente programa de gratuidade de libros de texto
16 Febreiro, 2011
O Consello Municipal de Educación do Concello de Santiago de Compostela na Sesión Extraordinaria celebrada o día 14 de febreiro de 2011 aprobou:
MANIFESTAR O REXEITAMENTO DO VIXENTE PROGRAMA DE GRATUÍDADE DE LIBROS DE TEXTO, DE ACORDO COAS SEGUINTES CONSIDERACIÓNS:
- Supón unha medida regresiva que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino, e evidencia un retroceso na universalización da gratuidade desta prestación educativa.
- Supón un paso atrás no plano educativo e mesmo social, constituíndo unha proba máis de que o actual goberno está a botar por terra todas as políticas e avances que ata o de agora se tiñan conseguido no ámbito da educación.
- Sobrecarga do traballo burocrático para os equipos directivos dos centros escolares, coincidindo co inicio do curso escolar, cando a maioría deles non contan con persoal administrativo.
- Non garante a cobertura universal da gratuidade dos libros de texto en todos os niveis e, sobre todo, no que se refire ao ensino obrigatorio.
- Supón un grave ataque ás economías familiares, nun contexto económico precario, situación na que un goberno debería manter a gratuidade dos libros de texto para favorecer a economía das familias.
Ademais, acordamos reclamar da Consellaría de Educación, a dotación a todos os centros educativos de persoal administrativo que favoreza unha mellor xestión do programa, para non incrementar o traballo administrativo das direccións dos centros, aínda máis cando coincide co inicio do curso escolar.
A presidenta do Consello Municipal de Educación
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2011
Consello Municipal de Educación