A demisión da directiva da Anpa do Pio XII na prensa
6 Abril, 2011
Desde a Federación Anpas Compostela, queremos manifestar o noso recoñecemento ao importante e xeneroso labor realizado pola directiva da Anpa do Pio XII a prol do ensino público de Santiago, alén do traballo realizado no propio centro. A súa participación ten sido crucial no nacemento desta Federación e esperamos seguir contando con ela, nomeadamente na persoa da súa presidenta Nerea de Valenzuela.
Manifestamos tamén a nosa solidariedade ante a difícil situación que veñen de atravesar e o noso apoio a súa postura.
O conflicto dos comedores escolares, que sen dúbida será de novo protagonista nas páxinas da prensa, noutros colexios e noutras cidades, só acaba de comezar. A pesar da cega teimosía de quen ignora unha realidade apremiante nos colexios públicos das cidades, a prestación de servizos básicos nos colexios (madrugadores, comedores, actividades extraescolares) ten acadado unha dimensión que xa é ingobernable polo voluntarismo das Anpas.
Mentres as administracións miren para outro lado e unha minoría de pais se empeñen e ‘matar o mensaxeiro’, o lamentable é que as persoas que aportaron o seu traballo desinteresado e teñen a visión máis próxima do acontecer dos colexios sexan apartadas desta maneira.
Cousas veredes…
Así é como aparece recollida na Voz a demisión que xa coñeciamos no seo da federación desde a última asemblea.
A directiva da Anpa do Pío XII dimite para deixar o comedor
Pide que o xestione Educación e critica o actual «desamparo legal»
- Autor: Joel gómez
- Localidade:santiago / a voz
- Data de publicación:6/4/2011
A directiva da Asociación de nais e pais (Anpa) do colexio público Pío XII formalizou onte a súa dimisión en bloque para mostrar o seu descuerdo con ter que xestionar o comedor escolar. Tamén confirmou a súa renuncia a presidenta da Anpa, Nerea de Valenzuela, como representante no consello escolar do centro educativo. Consideran que a organización dese servizo debe corresponder á Consellería de Educación, e ven «desamparo legal» na situación actual.
A dimisión anunciárona o xoves da semana pasada, na asemblea extraordinaria da Anpa que convocaran cun punto único: valorar a continuidade do comedor escolar para o próximo curso. Pola importancia do asunto no canto das 15 ou 20 persoas que adoitan acudir a estas asembleas participaron 273, pois ese servizo é moi utilizado pola comunidade escolar, xa que ten máis de 250 usuarios que o demandan. O Pío XII é o colexio de primaria con máis matrícula de Santiago, 675 escolares, con todas as súas prazas ocupadas.
Nesa asemblea a directiva da Anpa propuxo abandonar a xestión do comedor do centro, e solicitar que a asumise Educación.
Votación en contra
O asunto levantou enorme polémica, que se arrastraba desde días anteriores, cando se coñeceu a intención da directiva da Anpa.
Ao someter o asunto a votación, 190 socios manifestáronse a favor de que a Anpa manteña a xestión do comedor; 80 secundaron as pretensións da directiva, contrarias a continuar con esa xestión; e houbo 3 abstencións. Ante esa votación en contra a directiva anunciou a súa dimisión.
«A finalidade dás Anpa é a de velar pola calidade educativa e fomentar a participación dás familias na vida do centro, ou resultado dá consulta non foi ou esperado por esta directiva», indican.
Así, quen releven á actual directiva encargaranse do contrato do servizo de cátering, dos contratos de monitores, supervisión e control dos menús e do equipo de traballo, responsabilidade civil, e outras tarefas que esixe este servizo, como ata agora. No que queda deste curso manterase o seu funcionamento.
6 Abril, 2011 at 20:08
Grazas polo traballo e recoñecemento pola coherencia! A problemática laboral, de seguridade alimentaria, de saude e mesmo de riscos e responsabilidade que conlevan os comedores sen a mais mínima cobertura legal fan inviable seguir co modelo voluntarista de xestión. Ninguén nega a necesidade dos servizos -a ampla participación na Asemblea do PIO XII é a mostra-, o que discutimos é que a Administración peche os ollos a esa necesidade e lle traslade o problema a “aficionados” que, necesariamente, sitúan na provisionalidade a continuidade dun servizo necesario.
Grazas outra vez Nerea e o conxunto da directiva do Pio XII