Home

Comunicado sobre o conflito de comedores

8 Abril, 2011

Ante o confuso tratamento que está a ter este tema na prensa estes días a Federación Anpas Compostela quere comunicar o seguinte:

Non existe división na Federación de Anpas Compostela no tocante ao diagnóstico da situación dos colexios públicos na cidade, e a opinión de que a xestión dos comedores escolares non lles corresponde ás Anpas é unánime.

A realidade e as necesidades das familias usuarias dos colexios públicos mudaron moito nos últimos anos, e mentres as administracións seguen no pasado, as Anpas son hoxe auténticas ‘empresas’ prestadoras de servizos como madrugadores, comedores, actividades extraescolares, ludotecas, etc. obrigadas pola propia dinámica social e as demandas das familias.

Entre cadrar contas, buscar finanzamento, contratar e controlar o funcionamento dos servizos, atender demandas, negociar impagos, etc. a contribución das Anpas á comunidade educativa vese seriamente comprometida. E todo isto, feito desde o máis absoluto voluntarismo en horas roubadas ao tempo libre por persoas que, estase vendo estes días, aínda teñen que pasar polo trámite de render contas ante os ‘clientes’.

Anpas Compostela é o ámbito onde todas esas persoas desfogan as penurias da xestión da cada centro, cada un coas súas peculiares características, e onde se fai patente que esa maneira de funcionar vaise acabar. Na Federación traballamos para que as Anpas poidan chegar un día a liberarse das súas obrigas como meras prestadoras de servizos.

Anos atrás, a implantación da xornada única nos colexios públicos da cidade implicou o desmantelamento de moitos comedores escolares. Hoxendía vemos como o esforzo das Anpas serviu para que todos os colexios públicos da cidade conten co servizo de comedor. Cada un funciona como boamente pode e ten os seus propios problemas. Desde Anpas Compostela coidámonos moito de impoñer receitas sobre como se deben xestionar, pero non podemos deixar de constatar que:

•    Non é xusto que se pague máis ou menos por menú en función do colexio
•    Non é xusto que o servizo de comedor deixe fóra familias con dificuldades económicas
•    Non é a Anpa quen debe controlar a calidade dos menús servidos nun centro público
•    Non é a Anpa quen debe garantizar a salubridade do espazo no que se serve a comida
•    Non é a Anpa quen debe velar pola legalidade dos contratos de prestación de servizos no colexio
•    Non é a Anpa quen debe controlar a situación laboral do persoal de comedores
•    Non é a Anpa (segundo a lei vixente) quen debe realizar eses contratos nun centro educativo público
•    Non é a Anpa quen debería adxudicar arbitrariamente as subvencións recibidas para comedores

Non pedimos a gratuidade dos comedores escolares, declaramos que non é nosa a competencia de xestionalos. A unanimidade é absoluta sobre que todo iso ten que cambiar. Tal vez as opinións non sexan tan unánimes sobre cal debe ser o camiño para que se efectúe ese cambio.

A raíz de varias reunións con outras federacións locais como Ferrolterra e Vigo -nas que naceu a asociación Anpas Galegas- e despois de terlle trasladado en novembro ao Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia as nosas reivindicacións (que considerou negativamente), comezamos a contemplar a idea do plante dos comedores.

A Federación de Ferrolterra levouno a cabo a principios do presente curso, o que obrigou aos concellos a asumir interinamente o servizo, exemplo que consideramos imitar en Vigo e Santiago.

A rolda de consultas realizadas nos centros nos últimos días responden a ese propósito. Anpas Compostela non considera convocar un plante xeral dos comedores dos colexios públicos en Santiago a menos que unha maioría significativa das Anpas estea de acordo coa medida.

Á marxe das consecuencias que isto poida ter na dinámica interna de cada unha das Anpas, isto, de momento non implica divisións nin rupturas no seo da federación Anpas Compostela.

Agora ben, o impacto que na federación local e no funcionamento dos propios centros van ter as dimisións de directivas de Anpas que se están dando nestes días, vai ser claramente negativo e, ademáis dun paso atrás na busca dunha posible solución, unha moi mala noticia para o asociacionismo desta cidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: