Educamos na violencia?
25 Novembro, 2015
Hoxe, 25 de novembro, é o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, unha das máis grandes evidencias de que o noso nivel de educación está moi lonxe do desexable para garantir unha convivencia pacífica e enriquecedora.
A violencia contra das mulleres é a materialización da conciencia de posesión que aínda hoxe moitos homes teñen sobre elas; non é só un acto violento produto dunha sociedade permisiva, é un acto de poder contra aquela que se considera inferior, que se ve como obxecto de dominio. É un grao máis da violencia, a que despreza as vítimas, a que mesmo as fai responsables de seren, á vista do agresor, diferentes.
Nós traballamos na educación, na mellora do ensino público por suposto, pero tamén na educación privada e familiar de cada un dos nosos fillos e fillas, e de todos aqueles nenos e nenas, mozos e mozas que se relacionan connosco. E ese traballo ten que contemplar esta situación como un dos eixos sobre os que debe xirar a nosa actuación; a violencia combátese cunha educación en igualdade, o desprezo rebátese coa conciencia do outro, da outra, como alguén cos mesmos dereitos cos que cada quen de nós se identifica; as diferenzas anúlanse cando un mesmo se visualiza como diferente, cando se traballa na certeza dunha diferenza colectiva que inclúe todas as personalidades e todas as circunstancias.
Botamos de menos ese traballo na escola pública; botamos en falta un traballo efectivo en prol da igualdade. Non abonda, nin moito menos, coa existencia dun trato homoxéneo nas aulas; non abonda coa presenza de mestres e mestras entre os profesionais para que se visualice a igualdade; hai que traballar en positivo, educar para crear valores que contrarresten os que os nosos nenos e mozos reciben dun xeito claro a través da publicidade, dos xogos, do audiovisual, aprenderlles a interpretar en clave crítica os modelos sociais erróneos, incidir na valoración positiva das condutas de colaboración e de equidade, e sobre todo contribuír a visualizar as condutas machistas e violentas como un arquetipo desprezable e publicamente indigno.
Máis tamén deberemos facer autocrítica, os nosos fillos e fillas teñen que dispor dun modelo na casa que responda a aquilo que queremos que eles aprendan, non existe aprendizaxe vital nos libros, non cabe dar pautas que se ven negadas coa propia actuación; traballar na igualdade e no respecto implica a ruptura con roles e comportamentos que son un exemplo en negativo do que pretendemos inculcar. Tamén aquí, na vida familiar, non abonda coa conciencia persoal de respecto cara o outro, hai que traballar para que os nosos fillos e fillas vexan e gocen dese respecto, teñen que ver sempre que a súa nai, e todas as mulleres da familia, son tratadas coa mesma consideración e valoración coa que se trata aos homes, e que todos son tratados co respecto que merecemos como persoas.
Probablemente a maioría de nós esteamos certos de que iso é o que estamos a facer, mais a realidade indica que non é así, que algo estamos facendo mal, os casos de violencia rotunda están saíndo constantemente e déixanos abafados, pero as pequenas violencias, os indicios de dominación, os reclamos de aprobación, as clasificacións sexistas, mesmo os requirimentos sociais diferentes están aí todos os días, en todos os momentos, e non temos contra eles o nivel de intolerancia que deberiamos.
Todos os que temos fillas tememos constantemente que poidan ser violentadas de calquera das maneiras posibles, tememos que na súa vida inocente apareza en calquera momento alguén que as maltrate, que as anule, que as desprece; e todos os que temos fillos tememos coa mesma forza que eses fillos nosos poidan ser a parte activa desa violencia; por iso cómpre educar na igualdade, para que ese tipo de condutas sexan algo inimaxinable na mente dos nosos fillos e fillas, para que medre neles un rexeitamento visceral que lles impida ser violentos, e para que se cre nelas a clara conciencia de que ninguén, baixo ningún título posible, ten dereito a exercer a violencia sobre elas.
Sexamos esixentes na igualdade, sexamos implacables na esixencia da tolerancia e o respecto aos demais, non admitamos ningunha razón que xustifique a máis mínima discriminación dunha persoa por outra, e teremos avanzado moito na eliminación desta violencia que hoxe temos aínda que denunciar como unha vergoña de toda a sociedade.