COMEDORES DE COMPOSTELA
19 Xaneiro, 2016
Hoxe, luns 18 de xaneiro de 2016, estivemos reunidos os representantes das anpas da cidade de Compostela que temos os comedores dos nosos colexios xestionados a través do contrato de servizo do Concello. Estivemos presentes 9 das 10 anpas incluídas nese contrato, polo que os acordos tomados e as decisións que logo se indican teñen o valor de gran maioría e represéntanos a todas as anpas afectadas.
A reunión, na que valoramos a difícil situación pola pasa o servizo de comedores escolares dende a apertura do curso o pasado 10 de setembro, e logo dunha posta en común do sentir das familias ás que representamos, chegou ás seguintes conclusións:
1. As familias compostelás queremos que o servizo de comedores escolares quede ao marxe do xogo político das distintas forzas presentes na casa do Concello. Entendemos que o debate sobre este problema debe facerse dun xeito construtivo, achegando todos os concelleiros o mellor do seu traballo para a resolución dun problema que afecta a preto de mil escolares e ás súas familias.
2. Desexamos que a adxudicación dos comedores escolares se realice dun xeito urxente e definitivo; a máis forte demanda das familias é a da seguridade e estabilidade logo destes catro meses incertos; queremos tamén que o Concello, que dispón dos datos das familias usuarias, informe directamente das novidades que poida haber nun próximo futuro, para evitar así o cúmulo de informacións contraditorias que están a chegar dende diferentes fontes durante este período.
3. Entendemos que, chegados case ao meridiano do curso académico, o prioritario é normalizar o situación actual, polo que instamos que a nova contratación se basee en criterios de: mantemento das condicións de servizo, mellora e control da calidade das comidas e continuidade nos custos que asumimos as familias.
4. Agradecemos á actual empresa concesionaria do servizo a súa colaboración na prestación do mesmo durante estes meses; porén, non desexamos a súa continuidade e instamos ao Concello para que a empresa que se contrate ata, como mínimo, a finalización do presente curso, sexa unha empresa de proximidade, que prepare os alimentos preferiblemente dentro do propio Concello e que traballe, na medida do posible, con produtos achegados e de tempada.
5. Pretendemos manter un diálogo fluído e constante coa nova empresa adxudicataria, para o que demandamos que o Concello organice canles periódicas e permanentes que o posibiliten; entendemos que hai que afondar na comunicación entre as tres partes implicadas: concello, empresa e usuarios.
6. Queremos que a partir do mesmo momento no que se asine un novo contrato, se comece a traballar en común, familias e Concello, dun xeito longo e participativo, que dea lugar a un modelo de xestión que sexa querido e aceptado por todas as partes e que nos libere da dependencia inevitable das empresas do sector do catering.
7. Apoiamos, por último, as demandas dos monitores dos comedores, para que os períodos de organización e recollida das dependencias sexan previos e posteriores ao horario de atención aos nenos e nenas usuarios.