8 de marzo
8 Marzo, 2016
Novamente imos festexar este oito de marzo o día da Muller Traballadora, lembraremos outra volta que na nosa sociedade moderna existiu ata non hai moito un colectivo de cidadás que non tiñan dereitos laborais coma os dos homes, que non tiñan salarios como os dos homes, que non tiñan futuro nin proxección, nin promoción ou recoñecemento, como os dos homes. Iso vai ser o que digan, que existiu.
Probablemente teñamos unha morea de declaracións de altísimos cargos, e dalgunha carga, dos nosos poderes públicos, dicindo que somos unha sociedade do século XXI, que xa temos normalizada a presenza da muller no mundo laboral, que o nonseicantos % de postos directivos xa están en mans de mulleres, e que dentro de xa case nada poderemos asistir á paridade absoluta e ideal.
E logo volveremos todos, e todas, para casa; e ficaremos moi felices dos nosos avances sociais e laborais mentres as nosas mulleres preparan a cea, e van pensando en como organizar a súa xornada de mañá, que inclúe unha xornada laboral, como a dos homes, unha atención especializada aos seus fillos, non como a dos homes, unha planificación do fogar familiar, onde tamén viven os homes, e quizais un pensamento cara esa sociedade moderna na que de feito non viven nin elas, nin tampouco os homes.
Pero nós somos anpas, asociacións de nais e pais de alumnado de centros de ensino públicos; as nosas asociacións efectivamente traballan polo ensino público, e tamén teñen que ver co seu alumnado, están constituídas por familias e dentro desas familias hai nais, moitas, e algún pai, non demasiados.
A meirande parte do traballo na educación dos fillos neste noso País cae no lado das mulleres, das nais das familias; xeneralizando, e aplaudindo ás excepcións masculinas que son moitas pero non abondas, as mulleres son quen atenden a crianza, quen van falar cos profesores, quen están ao tanto das tarefas dos fillos e fillas, quen controlan a súa saúde, a súa alimentación e a súa vestimenta. As mulleres son quen coñecen os seus horarios, quen merca os libros de texto, quen fan a provisión do material escolar. Son tamén as mulleres quen acompañan aos seus fillos e fillas ao médico, quen atenden os seus despistes e quen aplauden os seus éxitos; son taxistas, seguidoras deportivas, conselleiras de necesidade, subministradoras de excepción, especialistas en sumas cando se suma, e en divisións cando se divide.
Nós non entendemos porqué se celebra este día, agás de que fose para que elas tivesen festa polo menos un día ao ano, e ese día puidesen erguerse, ducharse, ir traballar, volver e ter o xantar na mesa, marchar logo a descansar un anaquiño antes de volver ao traballo, e regresar na tardiña á casa para tirarse cansas nun sofá mentres alguén lles trae a cea. Esa sería unha boa celebración, a outra é obrigatoria para honrar a memoria das que lograron moitas das cousas que hoxe se teñen, pero non debería ser necesaria para continuar reivindicando unha igualdade de dereitos que debería avergoñarnos non ter conseguido.
Non é xusto dicir que os homes deste tempo son todos así, como debuxa o simple exemplo do parágrafo anterior, non é certo; cada día son máis quen entenden que están en pé de igualdade coa persoa coa que comparten a vida; máis os que saben que os fillos son tan seus como delas, e que non hai responsabilidade pequena na súa crianza e educación. Hai xa moitos homes que saben que a convivencia coa parella implica a asunción do traballo común como propio, e que todo temos dereito ao tempo libre, igual que temos a obriga de non facer uso del mentres o outro-a non poida facer o mesmo.
Pero mentres non sexamos todos os homes quen actuemos dese xeito, mentres haxa mulleres que traballan varias xornadas todos os días; nós, os pais do ensino público, debemos esforzarnos para que elas teñan os mesmos dereitos que todos os homes, e para que cando todos teñamos eses dereitos poidamos traballar xuntos para conseguir outros e mellores.
E tamén, porque sempre traballamos para o futuro, debemos deixar nas nosas fillas a idea firme dos seus dereitos, a seguranza das súas capacidades, a confianza en si propias que lles ha permitir ser mulleres independentes e autónomas que non piden permiso para estar e actuar; para que poidan vivir a súa vida como parte dunha sociedade que inclúa á vez, e da mesma maneira, a todas as persoas que participamos deste amplo lugar no que vivimos.