QUÉN FALARÁ A NOSA LINGUA CANDO MARCHEMOS ?
9 Decembro, 2014
O Instituto Galego de Estatística ven de nos dar unha arrepiante noticia: só un de cada catro menores de 15 anos fala galego, e a nosa lingua vai esmorecendo arrodeada de porcentaxes que certifican a súa morte a medio prazo.
De certo que a partires deses datos han aparecer serios estudos que expliquen os porqués desta tendencia, e non é a miña intención tentar suplilos dende a subxectividade, pero non penso tampouco que esta noticia deba ficar no silencio de quen a escoitamos, senón que como galego falante – ou debera dicir como galego amante? – síntome na obriga de expresar a miña indignación, a miña rabia, a miña incomprensión a isto que nos está a ocorrer, a isto que estamos a facerlle aos nosos fillos e fillas, ás nosas netas e netos, a todos os que van estar cando nós xa non esteamos.
Eses nenos e nenas de entre catro e quince anos que xa case non falan en galego son os que están agora nas escolas e nos institutos, son os suxeitos do traballo que facemos as nais e pais que pelexamos por un ensino público de gran calidade, por un ensino que lles aprenda a vivir unha vida mellor sentida e mellor feita por eles mesmos.
E cómo é posible que ese ensino vital que lles andamos a transmitir dende a casa e dende a escola lles faga fuxir da lingua que debería aseguralos e outorgarlles firmeza e orgullo? , qué estamos a facer para que os máis novos rexeiten a transcendencia de coñecer e amar o propio, sexa o país, os costumes, ou a lingua ? . Máis aínda, cómo sobrevivirán se non teñen un lugar espiritual ao que retornar, un lugar que lles faga entendérense e apreciárense ?
Porén, é certo que arrepía unha noticia que por demais xa era coñecida; moitos de nós estamos a educar aos nosos fillos e fillas nunha lingua que logo eles non continúan, e asistimos vencidos ao retorno diario deses nenos e nenas, que marcharon falando galego ao colexio e que volven á casa falando noutra lingua. Se temos sorte, e temos creado un lugar de afecto profundo, eses nosos fillos e fillas manterán a lingua como un agasallo no seu trato con nós, na intimidade da familia, en concesión a unhas nais e pais que conservan tradicións e falas pouco actuais, pouco prácticas, pouco triunfantes; se non temos esa sorte, sen sermos por iso máis culpables, escoitaremos esoutra lingua impregnando os recunchos das nosas propias casas, e introducíndose innecesariamente nas nosas propias vidas.
Como dixen, de certo que haberá xente que explique os porqués, e mesmo que dea solucións e camiños ben ideados; non dubido de que existen e de que hai quen coñece como usalos; como tampouco dubido de que agora mesmo existe xente, xa agora con poder abondo, que non tería nin a menor vacilación para lle dar o golpe de morte á expresión dun xeito de entender a vida, as nosas vidas; porque o galego non está morrendo, ao galego estano matando; máis iso tamén é obxecto doutros traballos.
Eu quixera deixar unha idea que sempre me arrodeou dende que son pai: a obriga absoluta que temos de lles legar a nosa lingua aos nosos fillos como un magnífico patrimonio; non como unha ensinanza máis, nin como un exemplo ou unha lenda; non como quen deixa algo de valor que conseguiu e mantivo con esforzo; moito máis ca iso: debemos deixarlles a lingua na seguridade de que ese é o elo que nos xunta con todo o que fomos e o que seremos como historia viva, temos que saber transmitir que a lingua é o pé firme que nos trouxo ata aquí, que non é mellor nin peor que outros pero que é o noso pé e é insubstituíble, e que ten que ser o mesmo que nos sosteña no vindeiro para non perdermos a nosa firmeza.
Ocórreseme que ese legado que reclamo non se entrega ao fin da vida, non se deixa nas partillas ni se lle conta á autoridade; ese legado entrégase día a día, minuto a minuto, con coidado certamente, e con moito esforzo, atención e esixencia; e ocórreseme tamén que esta ven sendo unha das razóns polas que o galego se perde, porque é difícil vivir en galego, é incómodo pelexar para vivir en galego, hai que estar disposto á dificultade permanente, ao traballo suplementario, á repetición constante das verbas que nos quere roubar esa falsa modernidade que nos venden os que so se dedican á venda e ao diñeiro.
O galego non está presente na vida triunfante dos nosos fillos e fillas, no que admiran e imitan, no que copian e respiran; pero se nós non mantemos unha posición activa a prol do seu dereito a recibir a lingua cada día terana menos presente, terán menos realidade en galego, percibirano como algo que non se axeita ao seu mundo, vivirán a lingua como algo superado, innecesario e inútil.
Por iso as nais, os pais, os docentes, todos os que tratamos coa infancia e coa xuventude, temos que defender o coñecemento e a herdanza da nosa expresión, do noso idioma, e temos que pelexar para que se poida vivir en galego; a súa supervivencia está na nosa loita diaria, en cada anaco de conversa que logremos que se escoite en galego, con cada unha das noticias, das preguntas, dos afagos e os agarimos que fagamos, na naturalidade da nosa fala no cotián, no orgullo profundo e poderoso con que solicitemos e presentemos a nosa presenza en galego nunha tenda, nunha aula, nunha rúa; cando falemos e cando escoitemos, cando pidamos e cando entreguemos.
E logo, por suposto, estará todo o que cada quen de nós por si propio non é quen de conseguir, e para o que fará falta dispor dunha acción conxunta e ordenada por aqueles a quen comandemos para ese fin, pero iso non reduce a nosa responsabilidade, a nosa obriga de parar este roubo do futuro.
Fernando Lacaci é o presidente da Federación Compostela
Esiximos á volta ao sistema de préstamo dos libros de texto
20 Febreiro, 2014
A Confederación de Anpas Galegas vén de acordar na reunión da súa Xunta Directiva celebrada en Compostela o pasado 7 de febreiro, o inicio dunha campaña para relanzar a permanente reivindicación da gratuidade de todo o material escolar, e moi en concretodos libros de texto, no ensino obrigatorio así como a aposta polo sistema de préstamo como fórmula para artellar o uso de libros de texto na nosa Comunidade.
Nós entendemos o ensino obrigatorio como unha incuestionábel responsabilidade social, como unha conquista histórica que debemos aprezar dun xeito distinguido. E esa especial atención tense que materializar na presenza de todas as facilidades necesarias para que toda a infancia e toda a xuventude teñan os medios abondos para aproveitar e se beneficiar deste esforzo conxunto.
Defendemos a absoluta, completa e universal gratuidade de todo o ensino público obrigatorio, e de todo o material que ese ensino precise; e asumimos totalmente o informe de outubro de 2013 da Defensora do Pobo: A Constitución non só define o ensino básico como gratuíto, senón tamén como obrigatorio. E do estabelecemento dese deber constitucional ten que se deducir o correlativo deber público de proporcionar todos os medios imprescindibles para que poida ser cumprido.
Por iso, imos comezar unha campaña de demanda social na que as asociacións de nais e pais de alumnos deste País, diremos publicamente que queremos que sexa a administración educativa galega quen proporcione os libros de texto, e esixiremos que o faga sen subvencións nin cheques, senón mediante un sistema de préstamo que, ademais de asumir a obriga pública de facilitar que o ensino obrigatorio sexa gratuíto, participe tamén na difusión dos valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipo entre a nosa xuventude.
A Federación Compostela
A nosa Federación celebrou unha reunión das Anpas de Primaria o día 4 de febreiro e outra de Anpas de Secundaria o día 14. A totalidade das persoas asistentes concordaron sen ninguha dúbida na necesidade de voltar ao anterior sistema de préstamo e manifestaron a súa vontade de informar e pedir a colaboración das familias dos centros para que a petición se expanda e chegue a Consellería de Eduación con claridade e contundencia. Así que …. comezamos a traballar!
No blog de Anpas Galegas publicouse recentemente un artigo no que se analizan con detalle as razóns que fundamentan a nosa petición, apoiándose nun informe da Defensora do Pobo.
Para ler o artigo, pincha aquí.
A Federación Compostela reúnese cos grupos municipais do BNG e PSOE para darlle a coñecer de primeira man a Confederación de Anpas Galegas
20 Xaneiro, 2014
Dende a Federación Compostela consideramos que existíu un amplo marxe de coincidencia entre o ideario da nova Confederación e o que nos transmitiron ámbolos dous grupos municipais, á hora de respostar á nosa concepción dun Ensino Público que entendemos que debe ser galego, gratuito, laico, inclusivo, con igualdade normativa dentro de Galicia e con preferente atención dende o esforzo económico das administracións públicas.
O encontro servíu tamén para repasar a actual situación da educación naquilo que afecta específicamente ao Concello de Compostela, punto no que fixemos un repaso da realidade dos centros de primaria, que están vivindo unha absoluta carencia de mantemento e colaboración municipal, da política de retraso informativo que teñen as accións que realiza o Concello de cara á conciliación da vida laboral e familiar, da ineficiente planificación viaria nos accesos aos centros educativos, ou dos erros da actual zonificación escolar; entroutros temas de menor transcendencia.
A Federación de Anpas Compostela valora moi positivamente este tipo de encontros cos representantes políticos da nosa sociedade, porque pensamos que supoñen un imprescindible intercambio de información e un mutuo enriquecimento ideolóxico; máis aínda cando actuamos como representantes para a nosa cidade dunha organización máis ampla, como é a Confederación de Anpas Galegas.
Tamén quixeramos dicir que a mesma proposta de xuntanza que hoxe callou cos grupos do PSOE e do BNG, fixémola tamén ao grupo municipal do PP, que non deu resposta á nosa invitación.
Nace ANPAs Galegas
11 Decembro, 2013
Hoxe é un gran día para a Federación de ANPAS Compostela. Despois de varios anos traballando conxuntamente con outras Federacións de ANPAs galegas, por fin somos quen de nos presentar publicamente, de poñernos en pé e amosarnos diante da consellería como unha voz, única, forte e con ganas de traballar para promover o sistema de ensino público que a nosa sociedade reclama e necesita, para construírmos o futuro.
Se queres ver máis,pincha aquí.