Home

HOXE ESTIVEMOS NA RÚA

11 Abril, 2014

DSC01786A xeito de foliada un tanto áceda, as familias de Compostela que temos fillos e fillas  no ensino público hoxe espuxemos a realidade dos nosos colexios a todos os nosos concidadáns: na praza do  Toural amosamos a cara máis lamentable das instalacións nas que viven todos os días os nosos pequenos e pequenas; as imaxes falaron de como pasan as súas mañáns entre humidades e friaxes, de como xogan en lameiros e en patios tan suxos que semellan abandonados; e todo iso acontece na capital de Galicia, nun dos berces de Europa, na cidade patrimonio universal da humanidade, na fin do camiño…. que é tamén, e sobre todo, o lugar que habitamos e onde criamos aos nosos fillos e fillas.

DSC01769

Nós temos moito que falar sobre educación, moito que expresar e moito sobre o que discutir; esa debe ser a función das asociacións de nais e pais, o noso traballo, a nosa razón de ser; pero, quen pode falar cando ten frío?, quen pode debater cando cheira a mofo?, quen pode pensar cando esvara no chan mollado?; e que nai, que pai, pode pensar noutras cousas cando os seus fillos e fillas están padecendo estas carencias que non son inevitablesque non veñen provocadas pola crise, que non son consecuencia de tifóns nin cicloxéneses, que só son o resultado  da inacción consciente dunha administración ineficaz, inoperante, innecesaria na súa propia incapacidade.

 

A resposta dos responsables públicos, cantas veces lles plantexamos o que hoxe puxemos á vista de tod@s, foi unha constante evasión das súas propias responsabilidades, desas responsabilidades que son a razón única pola que están onde están; pois é a súa obriga xestionar o público, o que é de todos, dirixir a acción colectiva  para que mellore, co traballo e tempo que nós lles pagamos, a vida das nosas familias e o futuro das xeracións que xa están vindo.

DSC01794
Non é certo que non haxa diñeiro, haino para comprar e inaugurar innecesariedades, para facer obras que sempre quedan detrás en importancia cando as comparamos coa atención dos nenos e nenas, haino para ridículos fastos e para protocolos de pandeireta; pero semella non habelo cando falamos da seguridade, da limpeza e do benestar dos máis vulnerables de entre nós: é indigno.
DSC01855
DSC01858DSC01878
Por iso hoxe saímos as familias, porque temos a obriga de procurar para as nosas fillas e fillos un lugar onde poidan disfrutar da súa infancia, onde poidan disfrutar da súa educación, da convivencia, da despreocupación dos seus poucos anos, e para que todo iso poidan facelo en lugares privilexiados en construción, dotación e mantemento; porque unha sociedade que non atende ás súas crías con mimo e coidado é unha sociedade enferma, porque está matando o seu propio futuro; e é unha sociedade insana se consinte que isto ocorra sen se defender.

 

DSC01845

DSC01843

Por iso hoxe saímos á rúa, e continuaremos saíndo mentres os nosos nenos e nenas non teñan o que merecen que é nin máis nin menos que o trato e a atención privilexiada que lle corresponde sempre  a quen de nos depende.

E de educación tamén falaremos, e será pronto, pero será outro día.

Este mes comezaron a traballar tres novas comisións dentro da Federación Compostela. Vemos con optimismo como se abre a porta a novas ideas, novas persoas, moito entusiasmo e ganas de traballar.

Comisión de comedores.

pirámide

Nace esta comisión co obxectivo de facer de ponte entre as familias usuarias do servizo de comedor e a empresa concesionaria, por unha banda, e o concello, pola outra.

Xa que o concello parece non tener interese algún en controlar o funcionamento do servizo do que é responsable, a comisión de comedores da Federación asumirá a responsabilidade de detectar ás deficiencias no funcionamento do servizo e comunicarse co centro, co comedor propio, coa empresa ou coa concellería, segundo o caso.

Esperamos que os problemas de funcionamento que se veñen observando dende que o concello asumiu o servizo poidan resolverse por fin.

Comisión de Necesidade Educativas Especiais

Escuela inclusivaA educación pública e gratuíta é un dereito e unha obriga; e unha sociedade que deixa no camiño a calquera que non segue o ritmo marcado por calquera lei o currículo é un sociedade digna de vergoña.

Se a LOE todavía vixente propoñía sobre o papel unha escola inclusiva que nunca chegou a ser real por falta de medios, os recortes dos últimos cursos e a lei que nos vén coa súa concepción competitiva do mundo, están a precarizar aínda máis a atención a un alumnado que, coa debida atención, non só ve satisifeito o seu dereito á educación senón que pode, como calquera membro do sistema educativo, facer no futuro a súa propia aportación á sociedade da que forma parte.

Esta comisión traballará para que a escola inclusiva e a sociedade inclusiva sexan unha realidade algún día.

Comisión de obras

Dende as anpas sempre pensamos que queremos pelexar pola Educación, e que as necesidades cotiás, de infraestrutura ou intendencia, non debían ser o noso obxectivo.
Pero non podemos desentendernos do triste feito de que un neno que non ocupe un espazo digno, alegre, saudable, seguro, acolledor e amable non pode desfrutar da experiencia educativa. E iso, e non outra cousa é o que está a ocorrer neste momento en Compostela.
unnamed (3)baños humidade
unnamed
Imaxes do CEIP Monte dos Postes
O que pretendemos é establecer unha sistemática de traballo e denuncia que non parará ata que os nosos fillos e fillas se acheguen todos os días a edificios que os reciban co esplendor que os nenos e nenas merecen, que sexan quentes e luminosos e que a única preocupación dos seus ocupantes sexa aprender, e aprender a aprender.

E esa sistemática de traballo basearase na denuncia da inacción do Concello de Compostela, que leva anos de absoluto parón na atención das súas obrigas legais no mantemento dos CEIPs,  levando aos colexios desta cidade a unha situación de deterioro que raia o insulto ás familias e aos propios nenos e nenas.

Imos sumar todas as nosas demandas, poñer por diante as que son de absoluta urxencia, aínda que non renunciemos a ningunha, comunicarlle formalmente ao Concello que estamos aí, e… Denunciar, Demandar e Esixir que os nosos colexios se poñan á enorme altura que merecen os máis pequenos dos nosos concidadáns.

A Federación de Anpas Compostela reuníuse hoxe cos grupos municipais do BNG e máis do PSOE para presentarlles directamente a nova Confederación de Anpas Galegas, da que forma parte e na que ocupa a vicepresidencia.  Esta reunión enmárcase na decisión da nova confederación de se ir presentando a todas as forzas políticas e sindicais que conforman o noso País.

Dende a Federación Compostela consideramos que existíu un amplo marxe de coincidencia entre o ideario da nova Confederación e o que nos transmitiron ámbolos dous grupos municipais, á hora de respostar á nosa  concepción dun Ensino Público que entendemos que debe ser galego, gratuito, laico, inclusivo, con igualdade normativa dentro de Galicia e con preferente atención dende o esforzo económico das administracións públicas.

O encontro servíu tamén para repasar a actual situación da educación naquilo que afecta específicamente ao Concello de Compostela, punto no que fixemos un repaso da realidade dos centros de primaria, que están vivindo unha absoluta carencia de mantemento e colaboración municipal,  da política de retraso informativo que teñen as accións que realiza o Concello de cara á conciliación da vida laboral e familiar, da ineficiente planificación viaria nos accesos aos centros educativos, ou dos erros da actual zonificación escolar; entroutros temas de menor transcendencia.

A Federación de Anpas Compostela valora moi positivamente este tipo de encontros cos representantes políticos da nosa sociedade, porque pensamos que supoñen un imprescindible intercambio de información e un mutuo enriquecimento ideolóxico; máis aínda cando actuamos como representantes para a nosa cidade dunha organización máis ampla, como é a Confederación de Anpas Galegas.

Tamén quixeramos dicir que a mesma proposta de xuntanza que hoxe callou cos grupos do PSOE e do BNG, fixémola tamén ao grupo municipal do PP, que non deu resposta á nosa invitación.

Primeira denuncia do ano

3 Xaneiro, 2014

Para empezar o ano con bo ritmo, podemos ler na prensa de hoxe as declaracións de Fernando Lacaci sobre a desidia do concello  cara o mantemento dos centros de ensino dos que é responsable. Falta de interlocución e inactividade: a tónica xeral deste concello durante meses.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2014/01/03/padres-denuncian-falta-mantenimiento-colegios/0003_201401S3C5997.htm

Ante a caótica situación que a nefasta xestión do concello orixinou nos colexios os primeiros días de curso, a Federación decicidiu facer  público o seguinte comunicado:

Logo de que a nova empresa adxudicataria no servizo se fixera cargo dos comedores escolares que xestiona o concello de Santiago dende o pasado día 1 de outubro, e unha vez superado o forzado período de transitoriedade á que nos forzou a errónea xestión do actual goberno municipal, período no que non nos pareceu prudente facer valoracións públicas para non incrementar o desacougo dos usuarios, queremos expresar que:

A Federación de Anpas de centros públicos da Área de Compostela considera que o inicio deste curso escolar en infantil e primaria no Concello de Compostela estivo marcado pola desorganización do servizo de madrugadores e comedores, e, logo dun amplo debate e da posta en común do ocorrido nos nosos colexios, e da demanda das familias para que déramos en conxunto unha resposta clara e contundente, opinamos que:

–          Os servizos de madrugadores e comedores escolares son unha ferramenta imprescindible na organización da vida laboral.

–          É indiscutible a necesidade que temos as familias dunha información anticipada e detallada acerca do funcionamento dos servizos, que inclúa non só a certeza da súa existencia, senón tamén os seus prazos, prezos e sistemática.

–          É responsabilidade exclusiva do Concello de Santiago a organización e bo funcionamento dos servizos aos que nos referimos nos colexios incluídos no convenio que o Concello mantén coa Xunta de Galicia.

–          É precisa unha simplificación dos actuais trámites burocráticos, así como abrir un único prazo de inscrición definitivo no mes de xuño en relación ao curso seguinte; independentemente da necesaria e permanente apertura a partir do inicio do curso para dar cobertura ás novas necesidades.

En resumo, esiximos do Concello de Santiago o recoñecemento do respecto que nos adebeda como cidadáns, e a consideración especial que merecen os nosos fillos e fillas como usuarios dos servizos que xestiona. E queremos que este respecto se traduza en información, seguridade e comunicación permanente cos nosos representantes.

A Federación colaborou coa organización da semana de portas abertas no gran descoñecido dentro da rede de colexios públicos do concello. O Santiago Apóstolo, situado a carón da Escola Municipal de Música é un colexio pequeno, cun execelente ambiente e unha ratio envexable. Ademais conta con todos os servizos complementarios que posibilitan a conciliación (madrugadores, comedor e actividades extraescolares).

Eu son do Apóstolo

Nadalxogo

3 Xaneiro, 2012

Finalmente, despois de anos de peticións reiteradas, a Federación conseguiu que o orzamento que a Xunta asignaba ao Concello de Santiago para a apertura de centros escolares fora de horario lectivo, se adicara ao seu obxectivo orixinal: este curso finalmente o concello asumiu a organización de campamentos de Nadal no período de vacacións escolares.

O Consello Municipal de Educación de Santiago de Compostela, na sesión extraordinaria  celebrada o día 14 de febreiro de 2011

ACORDA

  • Esixir a retirada do Anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa.
  • Demandar a participación do conxunto da comunidade educativa (profesorado, estudantes, pais e nais e as organizacións que os representan) na elaboración e acordo do proxecto de texto lexislativo.
  • Solicitar que se atendan as recomendacións emanadas dos distintos órganos consultivos que teñen achegado propostas de mellora e, nomeadamente, as do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e o Consello Escolar de Galicia.
  • Requirir que a administración educativa garanta con recursos públicos suficientes aos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento de todo tipo de medidas en materia de convivencia e atención á diversidade.

A presidenta do Consello Municipal de Educación
Santiago de Compostela, 14  de febreiro de 2011
Consello  Municipal de Educación

O Consello Municipal de Educación do Concello de Santiago de Compostela na Sesión Extraordinaria celebrada o día 14 de febreiro de 2011 aprobou:

MANIFESTAR O REXEITAMENTO DO VIXENTE PROGRAMA DE GRATUÍDADE DE LIBROS DE TEXTO, DE ACORDO COAS SEGUINTES CONSIDERACIÓNS:

  • Supón unha medida regresiva que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino, e evidencia un retroceso na universalización da gratuidade desta prestación educativa.
  • Supón un paso atrás no plano educativo e mesmo social, constituíndo unha proba máis de que o actual goberno está a botar por terra todas as políticas e avances que ata o de agora se tiñan conseguido no ámbito da educación.
  • Sobrecarga do traballo burocrático para os equipos directivos dos centros escolares, coincidindo co inicio do curso escolar, cando a maioría deles non contan  con persoal administrativo.
  • Non garante a cobertura universal da gratuidade dos libros de texto en todos os niveis e, sobre todo, no que se refire ao ensino obrigatorio.
  • Supón un grave ataque ás economías familiares, nun contexto económico precario, situación na que un goberno debería manter a gratuidade dos libros de texto para favorecer a economía das familias.

Ademais, acordamos reclamar da Consellaría de Educación, a dotación a todos os centros educativos de persoal administrativo que favoreza unha mellor xestión do programa, para non incrementar o traballo administrativo das direccións dos centros, aínda máis cando coincide co inicio do curso escolar.

A presidenta do Consello Municipal de Educación
Santiago de Compostela, 14  de febreiro de 2011
Consello  Municipal de Educación

No DOG do 11 de setembro ven publicada a concesión dunha axuda ao Concello de Santiago para o cofinanciamento do Programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo. Alguén sabe algo deste programa?

O curso pasado a axuda recibida non chegou a ningún centro público que se saiba. Este ano foron concedidos desde a Consellería de Educación para ese fin algo máis de 40.591,24 euros. Chegarán algún deles aos nosos colexios? Non é hora de que lle pidamos contas á Concellería?