Home

Aberto o prazo de matrícula para o programade conciliación de Nadal do concello.

Para coñecer as condicións e descargar os impresos pincha aquí

Desde a ANPA Fontela recibimos esta carta remitida a Vicepresidencia a finais do curso pasado. Aquí queda para a vosa consideración, reflexión, debate, comentarios…

A ANPA Fontela do CEIP Fontiñas, desde a plena defensa da calidade do ensino público, ten entre os seus fins promover a plena realización do principio de gratuidade no eido do ensino, así como a efectiva igualdade de dereitos de tódolos/as alumnos/as sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, raza ou sexo. E para iso debe requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, demandando a atención e axudas que esta merece.

Como cada ano sucede que o día 20 rematará o período lectivo do curso escolar 2007-2008 e a maioría das familias atoparémonos co mesmo problema de sempre: a reorganización da vida cotiá nese tempo no que os nenos/as están de vacacións pero non os pais e nais. Un ano máis constatamos que non existe –ou non coñecemos- unha solución por parte da administración que permita conciliar as obrigas laborais coa atención á familia nese período, a pesares de insistirse desde a administración no interese e favorecer dita conciliación.

As saídas atópanse exclusivamente no ámbito privado, ben coa contratación de alguén que atenda ós nenos/as ou pagando servizos de actividades que organizan algúns centros privados. Calquera destas dúas opción non son asumibles por toda as economías, xa que o custo deste servizo rolda os 140€ por asistente durante un mes, isto obriga a solucións que requiren a axuda dos avós ou tíos, que non en tódolos casos están dispoñibles e supón o sacrificio das vacacións de todos os membros da unidade familiar ao non poder coincidir no tempo.

A experiencia no Concello de Santiago, coa semana de actividades en só tres colexios públicos a finais de xuño, demostra que si hai unha necesidade deste servizo, o mesmo que o comedor escolar e o servizo de madrugadores (ámbolos dous soportados polas ANPAS); sen embargo unha semana pouco resolve e ademais non temos constancia de que este ano se vaia ofrecer.

En consecuencia solicitamos que sexa a Vicepresidencia, ben a través da Secretaría Xeral da Igualdade ou do departamento que considere, quen dispoña os medios necesarios para que as familias poidamos contar con este servizo imprescindible para conciliar a vida familiar e laboral. Sabemos que se artellou por medio dunha lei e a través dos concellos a dinamización de actividades de conciliación para o ensino obrigatorio, sen embargo, creemos que debería ser a administración autonómica ou local, subsidiada pola autonómica, as que organicen directamente este servizo por consideralo básico e imprescindible na actualidade. Outra opción posible, que non nos parece a máis axeitada, sería o convenio coas ANPAS dos centros o que limita o acceso ao servizo ao alumnado
do propio centro, ou ben coa Federación Municipal de ANPAS de Santiago, en fase de constitución, ou ben mediante a subvención directa ás familias con menos recursos mediante bolsas.

Ademais deste servizo de actividades de verán, é necesario o chamado servizo de madrugadores, xa que durante todo o curso o horario laboral e lectivo coinciden no inicio da xornada.

As mulleres, e algún home, facemos dobre xornada para poder atender o noso traballo e atender tamén a nosa familia. No verán, á falta dun sistema regularizado de atención ós escolares, vémonos obrigadas a facer incluso tripla xornada, algo inconcebible na actualidade, onde o benestar social é un obxectivo colectivo que a administración debe garantir.

En Santiago de Compostela a 28 de maio de 2008.
Pepe San Luís
Presidente da ANPA Fontela do CEIP Fontiñas