O proxecto experimental de Educación Dixital: un modelo de improvisación, un investimento en propaganda.
1 Maio, 2014
O día 30 de abril publicouse no DOGa RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014/15.
Obviamente a publicación desta orde e a súa extra-publicitación nos medios busca o noso aplauso, o das Anpas, ante a aposta pola modernización das aulas dos centros públicos.
Lemos, pois, con interese a convocatoria e que atopamos?
1. Improvisación.
Non se pode cualificar doutra maneira un proxecto que se lanza con estas datas. Un mes, do 30 de abril ao 30 de maio para elaborar un proxecto docente de todo un curso que implique non só aos titores ou titoras do curso senón tamén ao profesorado especialista (Música e Inglés). Ademais para un curso, 5º de Primaria, do que a día de hoxe se descoñece o curriculum (o programa detallado das materias) porque é un dos que cambia coa implantación da LOMCE.
Finalmente a resolución definitiva producirase a principios de xullo. Por fortuna,a consellería amosa a súa magnanimidade e condescendencia e introduce a seguinte prerrogativa:
“A selección do centro para participar no proxecto Educación Dixital pode dar lugar a cambio dos libros de texto segundo o punto 2 da Orde do 29 de maio de 2013 pola que se determina o período de vixencia dos libros de texto e demais materiais curriculares”
Así pois é posible que ata o mes de xullo as familias non saiban se o alumnado precisará libros de texto o próximo curso.
Non entra isto en contradición coas continuas afirmacións de apoio e impulso aos bancos de libros, que tanto parecen gustarlle á consellería como alternativa á máis lóxica, xusta e económica gratuidade a través do suprimido sistema de préstamo universal?
- Deixación de funcións.
A maior deficiencia do programa Abalar foi que se pensou unicamente na dotación material dos centros mentres que a formación do profesorado se considerou algo secundario, cando en realidade era o elemento fundamental para garantir o éxito do programa.
Esa falta de formación tanto metodolóxica como tecnolóxica é patente en moitos centros “Abalar” onde o material informático está a ser infrautilizado ou onde vemos atónitos como o grupo A sigue un método de ensino totalmente renovado mentres o grupo B desenvolve os seus días nunha aula do século pasado.
Hai nesta convocatoria algún plan elaborado para abordar a formación do profesorado?
Non imos dicir que non se mencione. Pero obviamente non hai un plan trazado para superar as eivas de formación tecnolóxica, senón que os únicos candidatos son persoas que xa teñen formación e experiencia.
Non sería mellor trazar un plan de formación a longo prazo que garantise que ao cabo dun tempo todo o profesorado tivese a capacidade para acceder á continua formación tecnolóxica que é imprescindible nestes tempos para evitar que vaian quedando cada vez máis atrás fronte a un alumnado que chega as aulas amplamente “dixitalizado”?
- Falta dunha planificación a medio-longo prazo.
Este é o percorrido do proxecto tal e como se nos presenta:
– Curso 2014/15: 5º de educación primaria.
– Curso 2015/16: 5º e 6º de educación primaria. Durante este curso o centro poderá solicitar a continuidade no programa.
– Curso 2016/17: 6º de educación primaria. Se o centro solicitou a continuidade e conta cun informe favorable darase continuidade aos grupos de 5º curso.
A evolución que prevé a convocatoria nin sequera contempla unha continuidade mínima, de maneira que é posible que no curso 2016-17, 5º xa non entre no proxecto. Tanto fogo de artificio, tantos cartos para algo que pode rematar aí. Dependerá o futuro,entón, de que esas persoas hiperformadas (os coordinadores do proxecto no centro), merlos brancos do sistema, decidan continuar a facerse cargo de proxecto?
4. Discriminación de centros e alumnado.
Consideramos que é obriga da consellería garantir unha rede de centros públicos homoxénea en canto a dotación e calidade do ensino. Este plan, sen embargo, vén agrandar as diferenzas que xa existen. Por exemplo, un dos requisitos esixidos aos centros solicitantes é:
“O centro deberá contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada de 2 Mbps”
Obviamente isto supón beneficiar aos centros urbanos fronte aos centros rurais, que habitualmente sofren de problemas de acceso á rede.
Outro exemplo:
“O proxecto diríxese aos centros que están na Rede Abalar, centros cunha cultura dixital afianzada como parte do seu proxecto de centro”
Seguimos a estabelecer diferenzas na mesma liña que apuntabamos no apartado anterior.Quen xa ten unha cultura dixital afianzada, recibe apoio para afianzala máis. Quen non a tén segue sen desenvolvela.
Outro punto que esperta a nosa preocupación é o das tarefas escolares para casa. Este é un problema que quedaba sen resolver no proxecto Abalar. Que ocorre co alumnado que non dispón de conexión a internet na casa? Que pasará coas súas tarefas escolares?
É este un tema que leva anos a levantar polémicas e controversias periódicas que só se agravará aínda máis no momento en que o material en papel desapareza por completo. Hai algo previsto neste senso?
E que ocorre coa atención ás necesidades educativas especiais: están previstos mecanismos de accesibilidade para persoas con diversidade funcional sensorial, motora ou intelectual?
- Malgasto irresponsable de fondos públicos
Neste apartado falaremos só de cifras, que son abondo elocuentes:
- Investimento: 5.896.859,50 € sen IVE.
- Alumnado beneficiado este próximo curso: 2500 alumnos /as.
Esixímoslle á administración que o uso dos fondos dispoñibles se faga co máximo rigor, visión de futuro e planificación seria.
Os cartos que veñen de Europa para mellorar a educación deben usarse para beneficiar ao maior número de alumnos /as posible e para iniciar proxectos que perduren no tempo e non para financiar tracas de festa coas que deslumbrar á opinión pública.
- Distorsión da realidade.
É o que atopamos nesta afirmación, unha das que encabeza a convocatoria:
“A incorporación das TIC á educación, en xeral, e aos procesos ensino-aprendizaxe, en particular, é xa unha realidade en Galicia e móstrase como unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leve a conseguir o obxectivo dunha mellor calidade educativa”.
A Consellería pode dicir, se quere que “a incorporación das TIC a educación é unha realidade” e as familias podemos dicir que É FALSO, a non ser que por “realidade educativa” se entenda a esa minoría de profesorado que co seu voluntarismo e esforzo conseguiu constituír unha comunidade virtual para compartir coñecementos e materiais e loita para superar as carencias materiais e de mantemento dos centros para facer das TIC unha ferramenta cotiá no seu traballo de aula.
Por outra parte, e por moito que a consellería intente convencernos do contrario, o uso das TIC e o cambio metodolóxico non son e mesmo. É certo que moitas veces van da man e son complementarios. Pero, como sabe calquera persoa con formación en tecnoloxías e en didáctica, o desembolso en ordenadores, libros electrónicos e plataformas dixitais non garante o cambio de metodoloxía; da mesma maneira que a falta de orzamentos para a dotación tecnolóxica non pode servir de escusa para non acometer o cambio metodolóxico a través dunha sólida e planificada formación didáctica do profesorado.
Tecnoloxía e metodoloxía son dous elementos diferentes que deben ser abordados separadamente.
- Propaganda e cantos de serea.
En definitiva: non podemos ocultar a enorme decepción que supón ler polo miúdo esta convocatoria.
Nin sequera nun momento tan duro economicamente como este, a actual consellería de Educación é quen de amosar a cordura de aproveitar uns fondos do plan Feder para iniciar un proxecto serio, ben planificado, cuns prazos realistas e que abranga os aspectos que máis deberían preocupar á administración educativa:
- Consolidar a formación didáctica e tecnolóxica de todo o profesorado
- Dotar tecnoloxicamente todos os centros
- Manter unha plataforma para que o profesorado cree e comparta material
- Garantir o acceso do alumnado á rede fora de horario lectivo
- E a través destas accións: camiñar cara a eliminación definitiva dos libros de texto.
Para conseguilo necesitamos unha planificación a curto, medio e longo prazo e non fogos de artificio e paus de cego que só nos deixan un irresponsable malgasto de fondos públicos.
Abandono e censura: a política educativa da Xunta.
30 Marzo, 2014
O venres pola mañá a ANPA do CEIP Pedrouzos de Brión, farta da esperar a que a Consellería de Educación acometa as obras de reparación e reforma das que é responsable, recibían a TVE 1 á entrada do colexio. Foi unha medida chamativa que buscaba, mediante a difusión da información e a denuncia, presionar á consellería; pois non valen escusas á hora de garantir a salubridade e seguridade do entorno onde as nenas e nenos pasan boa parte do día. A excusa da crise xa non é crible. É unha cuestión de estabelecer prioridades.
E cal é a reacción da consellería? Poñerse en contacto coas familias para tranquilizarlas e deseñar un plan progresivo e racional? Intentar negociar dalgunha maneira?
Pois non, a reacción da consellería nesa mañá de venres foi chamar ao centro e comunicarlle á dirección que a televisión non podía entrar na escola e tomar imaxes das deficiencias que se denunciaban. Así defende o ensino público a nosa administración. Pero alí seguimos as familias, fóra pero firmes.
E seguiremos, ata cando sexa e como sexa… e sumaremos forzas: na federación de anpas da comarca de Compostela temos a firme decisión de conseguir que as nosas escolas sexan lugares seguros, acolledores e dignos. Reclamarémolo perante a institución responsable cantas veces sexa necesario. E non poderán calarnos.
Tres novas comisóns dan os seus primeiros pasos na Federación
22 Febreiro, 2014
Este mes comezaron a traballar tres novas comisións dentro da Federación Compostela. Vemos con optimismo como se abre a porta a novas ideas, novas persoas, moito entusiasmo e ganas de traballar.
Comisión de comedores.
Nace esta comisión co obxectivo de facer de ponte entre as familias usuarias do servizo de comedor e a empresa concesionaria, por unha banda, e o concello, pola outra.
Xa que o concello parece non tener interese algún en controlar o funcionamento do servizo do que é responsable, a comisión de comedores da Federación asumirá a responsabilidade de detectar ás deficiencias no funcionamento do servizo e comunicarse co centro, co comedor propio, coa empresa ou coa concellería, segundo o caso.
Esperamos que os problemas de funcionamento que se veñen observando dende que o concello asumiu o servizo poidan resolverse por fin.
Comisión de Necesidade Educativas Especiais
A educación pública e gratuíta é un dereito e unha obriga; e unha sociedade que deixa no camiño a calquera que non segue o ritmo marcado por calquera lei o currículo é un sociedade digna de vergoña.
Se a LOE todavía vixente propoñía sobre o papel unha escola inclusiva que nunca chegou a ser real por falta de medios, os recortes dos últimos cursos e a lei que nos vén coa súa concepción competitiva do mundo, están a precarizar aínda máis a atención a un alumnado que, coa debida atención, non só ve satisifeito o seu dereito á educación senón que pode, como calquera membro do sistema educativo, facer no futuro a súa propia aportación á sociedade da que forma parte.
Esta comisión traballará para que a escola inclusiva e a sociedade inclusiva sexan unha realidade algún día.
Comisión de obras
Pero non podemos desentendernos do triste feito de que un neno que non ocupe un espazo digno, alegre, saudable, seguro, acolledor e amable non pode desfrutar da experiencia educativa. E iso, e non outra cousa é o que está a ocorrer neste momento en Compostela.
Imaxes do CEIP Monte dos Postes
E esa sistemática de traballo basearase na denuncia da inacción do Concello de Compostela, que leva anos de absoluto parón na atención das súas obrigas legais no mantemento dos CEIPs, levando aos colexios desta cidade a unha situación de deterioro que raia o insulto ás familias e aos propios nenos e nenas.
Imos sumar todas as nosas demandas, poñer por diante as que son de absoluta urxencia, aínda que non renunciemos a ningunha, comunicarlle formalmente ao Concello que estamos aí, e… Denunciar, Demandar e Esixir que os nosos colexios se poñan á enorme altura que merecen os máis pequenos dos nosos concidadáns.
Esiximos á volta ao sistema de préstamo dos libros de texto
20 Febreiro, 2014
A Confederación de Anpas Galegas vén de acordar na reunión da súa Xunta Directiva celebrada en Compostela o pasado 7 de febreiro, o inicio dunha campaña para relanzar a permanente reivindicación da gratuidade de todo o material escolar, e moi en concretodos libros de texto, no ensino obrigatorio así como a aposta polo sistema de préstamo como fórmula para artellar o uso de libros de texto na nosa Comunidade.
Nós entendemos o ensino obrigatorio como unha incuestionábel responsabilidade social, como unha conquista histórica que debemos aprezar dun xeito distinguido. E esa especial atención tense que materializar na presenza de todas as facilidades necesarias para que toda a infancia e toda a xuventude teñan os medios abondos para aproveitar e se beneficiar deste esforzo conxunto.
Defendemos a absoluta, completa e universal gratuidade de todo o ensino público obrigatorio, e de todo o material que ese ensino precise; e asumimos totalmente o informe de outubro de 2013 da Defensora do Pobo: A Constitución non só define o ensino básico como gratuíto, senón tamén como obrigatorio. E do estabelecemento dese deber constitucional ten que se deducir o correlativo deber público de proporcionar todos os medios imprescindibles para que poida ser cumprido.
Por iso, imos comezar unha campaña de demanda social na que as asociacións de nais e pais de alumnos deste País, diremos publicamente que queremos que sexa a administración educativa galega quen proporcione os libros de texto, e esixiremos que o faga sen subvencións nin cheques, senón mediante un sistema de préstamo que, ademais de asumir a obriga pública de facilitar que o ensino obrigatorio sexa gratuíto, participe tamén na difusión dos valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipo entre a nosa xuventude.
A Federación Compostela
A nosa Federación celebrou unha reunión das Anpas de Primaria o día 4 de febreiro e outra de Anpas de Secundaria o día 14. A totalidade das persoas asistentes concordaron sen ninguha dúbida na necesidade de voltar ao anterior sistema de préstamo e manifestaron a súa vontade de informar e pedir a colaboración das familias dos centros para que a petición se expanda e chegue a Consellería de Eduación con claridade e contundencia. Así que …. comezamos a traballar!
No blog de Anpas Galegas publicouse recentemente un artigo no que se analizan con detalle as razóns que fundamentan a nosa petición, apoiándose nun informe da Defensora do Pobo.
Para ler o artigo, pincha aquí.
Primeiro encontro de federacións de anpas galegas
1 Novembro, 2013
O sábado 9 de novembro celebrarase en Lugo o primeiro encontro de federacións e de anpas galegas. Será unha ocasión excepcional para compartir ideas, preocupacións e experiencias. Por suposto, alí estará a Federación de ANPAs Compostela.
Alí estabamos
25 Outubro, 2013
O 24 de outubro , manifestámonos unha vez máis contra a LOMCE. Dicímolo por escrito, de viva voz e a berros, cando é preciso. Podemos ata cantalo de mil maneiras.
Non nos gusta esta contrarreforma educativa, que pretende “mellorar a calidade” da educación e loitar contra o abandono escolar, empregando métodos máis propios da primeira metade do século XX, que do século XXI. En vez de entrar por fin na sociedade do coñecemento, volvemos á sociedade do adoutrinamento; en lugar de construír persoas autónomas, iguais, e dignas de aportar ao grupo, xerarquizamos e damos todo o poder á administración e, por designación, á dirección dos centros. A súa vez, esta decidirá quen son materia prima de primeira calidade, segunda, terceira…ou directamente material de refugallo e, en función da súa autorizada/autoritaria opinión, invertirase máis ou menos esforzo, máis ou menos orzamento no seu pulido para colocal@s en posición de empezar a xerar cartos, “riqueza”.
A diversidade non aporta nada neste imaxinario. Por iso, nada mellor ca unha soa lingua, unha soa cultura, unha soa historia, unha soa relixión….. aínda que a comunidade educativa non se identifique en absoluto con tal “armoniosa unidade”.
Pois por iso, porque non nos gusta, a Federación de ANPAs Compostela saiu a rúa o día 24, coa Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Seica o señor Feijóo non nos viu nin nos escoitou. Moitísimo menos o señor Wert (tan lonxe está….!). Mais nós si nos escoitamos e nos vimos: ás familias ao profesorado, ao profesorado ao alumnado, o alumnado ás súas nais e pais. Chovía….chovía moito. Pero alí estabamos e seguiremos canto faga falta contra esta lei, que non nos gusta.
O 24 de outubro contra a LOMCE
14 Outubro, 2013
Finalmente a LOMCE foi aprobada no Congreso, segundo o previsto. Pero igual que a lei segue e seu camiño, nós seguimos a amosar a nosa radical oposición: as familias, o profesorado, o alumnado…en definitiva, a comunidade educativa, que non foi consultada e que leva meses a manifestar a súa radical oposición a esta lei. Por iso, chegado este momento convocamos unha nova xornada de folga e protestas.
Primeiro, podedes ver nesta ligazón, unha vez máis, as razóns (poderosas) polas que nos opoñemos a esta lei.
http://marlou.blogaliza.org/?p=2801
E logo, podedes sumarvos a esa xornada de protesta, non enviando aos nenos e nenas á escola ou ao instituto. Ademais se o voso horario volo permite, podedes acompañar ao profesroado e ao estudantado e asistir á manifestación que se celebrará ás 11:30 na praza do Toural.
Participade, difundide, animade. É importante que a nosa voz se escoite. Defendendo o ensino público ddefendemos o presente e o futuro.
Wertgoña
10 Outubro, 2013
A LOMCE segue o seu percorrido: hoxe será aprobada no Congreso. E Compostela segue aquí contra unha lei que nacerá, pero nacerá morta.
Recortes nos comedores escolares
21 Marzo, 2013
As Federaciósn de Anpas de Compostela, Costa da Morte, Vigo (FOANPAS), Ferrolterra, Cangas, Ponteareas e Valmiñor queren expresar o máis profundo desacordo coas novas expresadas na última comparecencia dos responsables de educación da Xunta de Galicia.
As familias concebimos os comedores escolares como un servizo público, que debe ser prestado pola administración da Xunta de Galicia, dentro do conxunto da actuación educativa; entendemos que hai que tender á universalización deste servizo en todos os centros desta Comunidade, implantando en todos eles un modelo de xestión igual, de xeito que non existan diferenzas no noso territorio, rematando coa diferenzación desigualadora de comedores xestionados polas administracións públicas ou polas anpas.
Precisamente por concebir os comedores como un servizo, entendemos que o seu custo debe ser asumido dende os presupostos da Comunidade Autónoma, como se asumen os custos da educación obrigatoria, presupostos que están nutridos dos impostos dos cidadáns, que xa aportamos mediante unha imposición progresiva máis ou menos diñeiro, en función das nosas rendas, para o mantemento deses gastos que demanda a comunidade.
Ter unha concepción de futuro non quere dicir que non vivamos no presente, e sabemos que neste momento a situación non é a que queremos, por iso aínda máis rexeitamos esta normativa que se nos impón, porque non só non avanza senón que retrocede na universalización deste servizo.
Rexeitamos especialmente o novo peso que se fai recaer sobre sectores xa moi precarizados; non é igualitario tratar igualmente aos desiguais; non podemos aplicarlle ó rural galego ou ás periferias urbanas, lugares onde maioritariamente están ubicados os comedores escolares de xestión da Xunta, unha pretendida igualdade, cando cómpre que os tratemos cunha clara e rotunda discriminación positiva; non podemos castigar máis aínda ás familias que xa teñen aos seus fillos e fillas nun autobús todos os días porque se reduciron prazas escolares no rural, que non poden optar por utilizar ou non un comedor porque este nenos e nenas non poden retornar para comer nas súas casas; e sobre todo, non podemos arañar aínda máis as xa moi maltreitas economías familiares.
Rexeitamos tamén todo o discurso do goberno galego sobre a necesidade económica; como xa vimos reclamando dende hai moitos anos, cando falamos de gratuidade de libros de texto, ou de dotacións suficientes nos colexios, ou de profesorado de idiomas, ou dos medios para atencer ás necesidades especiais, a educación non é un gasto, é o máis grande investimento que fai unha sociedade, e a nosa obriga é procurar para este investimento os fondos imprescindibles que garantan a súa eficacia.
Así mesmo, e aínda que apareza como tapado pola noticia dos comedores, tamén queremos rexeitar a abusiva suba das taxas nas ensinanzas especiais, a música, o deporte ou as artes escénicas non son unha actividade secundaria nin menor; son complementos necesarios e indispensables na formación persoal e social; é xa moi lamentable que esas ensinanzas non estean amplamente incluídas e protexidas no ensino obrigatorio, como para que unha decisión económica as convirta en ensinanzas elitizadas e indispoñibles para unha clase social.