Home

A nosa opinión no que se refire ao punto que adxudica cada centro de acordo cos seus propios criterios é unánime e clara. E así queda reflexado no seguinte escrito, que se dirixiu aos consellos escolares dos centros de primaria:

O Decreto 254/2012, do 13 de decembro, que regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para infantil, primaria, secundaria e bacharelato, establece no seu artigo 9.i) : “Por criterios complementarios consistentes noutras circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente polo órgano competente do centro, de acordo con criterios obxectivos, e que terán que facerse públicos polos centros con anterioridade ao inicio do proceso de admisión: 1 punto”

Dende a Federación Compostela de Anpas de Ensino Público, queremos solicitar a convocatoria dun consello escolar para que se definan eses criterios obxectivos ós que  fai mención o articulado do Decreto,  manifestando no mesmo que a opinión das anpas desta Federación é que ese punto que pode outorgar ese centro escolar debe ser sumado a todas as solicitudes que se presenten, de xeito que non inflúa nin positiva nin negativamente nas posibilidades de ningún alumno para ser admitido.

Esta federación considera que calquera outro criterio diferente permitiría a discriminación de alumnos no seu acceso ó centro, e incidiría no camiño xa iniciado polo proxecto da LOMCE, que rexeitamos, tentando avanzar na liña de diferenciar centros mediante a captación dun alumnado “seleccionado” por criterios non igualitarios.

 

A Federación Compostela de Anpas de Ensino Público quere facer pública a súa postura diante da convocatoria das xornadas de loita contra a Lei Wert convocadas polos sindicatos de estudantes para os próximos días 5, 6 e 7 de febreiro.

Para nós, as nais e pais de alumnos de ensino público da comarca de Compostela, é unha necesidade publicitar o noso apoio absoluto a esta convocatoria, reivindicar xunto coa nosa xuventude a petición de retirada dese proxecto de lei, e traballar para que a protesta da sociedade sexa, como así está sendo, cada vez máis ampla e rotunda.

Por iso tamén manteremos unha postura activa dentro das xornadas da próxima semana, invitando ás familias á participación naquelas manifestacións ou concentracións que se realicen, e difundindo, dende as anpas dos institutos de secundaria e bacharelato, a conveniencia de que as familias contribúan ao baleiramento dos centros de ensino, asumindo a necesidade de que os seus fillos e fillas non asistan a clase o mércores día 6 de febreiro, que é o día en que todos os sindicatos convocantes coinciden en chamar á folga .

E tamén queremos dicir que estudantes, familias e profesorado somos só unha parte da reivindicación educativa, porque a educación atinxe a toda a sociedade, non só aos seus conxunturais usuarios académicos, e porque dunha educación pública de calidade, inclusiva e igualitaria, sairá o futuro que queremos ter: unha sociedade máis xusta, máis equilibrada, consciente e capaz.

Por iso invitamos a todo o mundo, sexa cal sexa a súa situación social ou económica, á presenza constante na manifestación dunha postura de indiscutible rexeitamento a esta lei que ataca ó que, quizais, é o noso mellor ben: o noso sistema de educación pública.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estase a mobilizar contra o anteproxecto  de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, para amosar o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática,  e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade.

Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

É un anteproxecto recentralizador e españolizador, que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas, desterra a nosa lingua ao rango inferior na clasificación que prevé para as materias, situándoa por detrás da Relixión e da segunda Lingua estranxeira, negándolle así o lugar que lle corresponde nas materias troncais, entre as que están a Lingua española ou Inglés. Impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a  selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

Unha vez máis, estamos ante unha lexislación que reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2. A Relixión ten neste proxecto un rango superior á nosa propia lingua, o galego.

É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado  que sexa proposto pola administración.

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo  mediante itinerarios que  condena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando  de maneira temperá  o seu futuro académico e laboral.

Pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha  formación de calidade.

Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

É unha anteproxecto que reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

Por todos estes motivos, porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada deste anteproxecto e un ensino público galego, laico e democrático.

 

Galiza, 31 xaneiro 2013

CONCENTRACION ALIANZA 20 DECEMBRO 2012

O próximo xoves, 20 de decembro, ás 19:30 horas na Praza de Galicia de Compostela, estamos todos convocados a unha concentración convocada pola Alianza Social Galega.

A Alianza é unha organización donde estamos representadas, a través da federación de anpas de Compostela, todas as asociacións de Nais e Pais desta comarca, xunto con outras moitas organizacións de moi diferente tipo, dende asociacións culturais, ata movementos sociais, sindicais ou profesionais. A Alianza representa o que sempre pedimos, un movemento de integración, onde cabe todo o mundo, que ten como único obxectivo a defensa dun estado social.

Nesta ocasión, ademais, atínxenos directamente un dos lemas da concentración pois pronunciarse en contra da privatización do ensino significa tamén defender o ensino público. Pero tamén nos concentraremos pola defensa da sanidade pública, dunha xustiza para todos, ou apoiando a defensa dos pensionistas e desafiuzados.

Se non protestamos, se non nos facemos oír, estarémoslle apoiando indirectamente todo o que están facendo, e non é iso o que queremos.

Vémonos o día 20, ás 19:30 na Praza de Galicia

Ler o resto desta entrada »

A Federación de ANPAS Compostela -integrada na Alianza Social Galega- e o Movemento compostelán en defensa do ensino público comezan esta mesma semana unha seri de charlas informativas sobre a coñecida como lei Wert.As charlas desevolveranse en varios centros de primaria e secundaria do concello e arredores. A intención é que a comunidade educativa (familias e docentes) teña a oportunidade de informarse e intercambiar opinións sobre este cambio radical na concepción e desenvolvemento do sistema educativo.

Este é o calendario do mes de novembro:

CEIP Quiroga Palacios: Venres 23 de novembro ás 18:00. Maribel Doval. Profesora da Universidade de Vigo.

CEIP Roxos: Luns 26 de novembro ás 17:30. Ramón López Facal. Profesor da USC.

IES Xelmírez I: Martes 27 de novembro ás 20:00. Víctor Santidrián. Profesor de Secundaria.

IES Eduardo Pondal. Martes 27 de novembro ás 18:30. Miguel Vázquez Freire. Profesor de Secundaria.

IES Pontepedriña. Mércores 28 de novembro ás 19:30.  Javier Dapena. Profesor de secundaria.

CEIP Raíña Fabiola. Xoves 29 de novembro ás 16:30. Sofía Rama e Ana Rodríguez. Profesoras de secundaria.

CEIP Ramón Cabanillas. Xoves 29 de novembro ás 17:00. Javier Dapena. Profesor de Secundaria.

Déixamolo para setembro

19 Xuño, 2012

Suspenso total para Jesús Vázquez

http://praza.com/movementos-sociais/1271/suspenso-total-para-jesus-vazquez

— en defensa do ensino público, non faltedes.

Para coñecelas podes consultar o seu blog

http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/

Preme  aquí para ver as datas das mobilizacións:

CARTAZ concentracions 8 de maio