Home

HOXE ESTIVEMOS NA RÚA

11 Abril, 2014

DSC01786A xeito de foliada un tanto áceda, as familias de Compostela que temos fillos e fillas  no ensino público hoxe espuxemos a realidade dos nosos colexios a todos os nosos concidadáns: na praza do  Toural amosamos a cara máis lamentable das instalacións nas que viven todos os días os nosos pequenos e pequenas; as imaxes falaron de como pasan as súas mañáns entre humidades e friaxes, de como xogan en lameiros e en patios tan suxos que semellan abandonados; e todo iso acontece na capital de Galicia, nun dos berces de Europa, na cidade patrimonio universal da humanidade, na fin do camiño…. que é tamén, e sobre todo, o lugar que habitamos e onde criamos aos nosos fillos e fillas.

DSC01769

Nós temos moito que falar sobre educación, moito que expresar e moito sobre o que discutir; esa debe ser a función das asociacións de nais e pais, o noso traballo, a nosa razón de ser; pero, quen pode falar cando ten frío?, quen pode debater cando cheira a mofo?, quen pode pensar cando esvara no chan mollado?; e que nai, que pai, pode pensar noutras cousas cando os seus fillos e fillas están padecendo estas carencias que non son inevitablesque non veñen provocadas pola crise, que non son consecuencia de tifóns nin cicloxéneses, que só son o resultado  da inacción consciente dunha administración ineficaz, inoperante, innecesaria na súa propia incapacidade.

 

A resposta dos responsables públicos, cantas veces lles plantexamos o que hoxe puxemos á vista de tod@s, foi unha constante evasión das súas propias responsabilidades, desas responsabilidades que son a razón única pola que están onde están; pois é a súa obriga xestionar o público, o que é de todos, dirixir a acción colectiva  para que mellore, co traballo e tempo que nós lles pagamos, a vida das nosas familias e o futuro das xeracións que xa están vindo.

DSC01794
Non é certo que non haxa diñeiro, haino para comprar e inaugurar innecesariedades, para facer obras que sempre quedan detrás en importancia cando as comparamos coa atención dos nenos e nenas, haino para ridículos fastos e para protocolos de pandeireta; pero semella non habelo cando falamos da seguridade, da limpeza e do benestar dos máis vulnerables de entre nós: é indigno.
DSC01855
DSC01858DSC01878
Por iso hoxe saímos as familias, porque temos a obriga de procurar para as nosas fillas e fillos un lugar onde poidan disfrutar da súa infancia, onde poidan disfrutar da súa educación, da convivencia, da despreocupación dos seus poucos anos, e para que todo iso poidan facelo en lugares privilexiados en construción, dotación e mantemento; porque unha sociedade que non atende ás súas crías con mimo e coidado é unha sociedade enferma, porque está matando o seu propio futuro; e é unha sociedade insana se consinte que isto ocorra sen se defender.

 

DSC01845

DSC01843

Por iso hoxe saímos á rúa, e continuaremos saíndo mentres os nosos nenos e nenas non teñan o que merecen que é nin máis nin menos que o trato e a atención privilexiada que lle corresponde sempre  a quen de nos depende.

E de educación tamén falaremos, e será pronto, pero será outro día.
O sábado 22 de febreiro, as directivas das ANPAs voltamos ás aulas no IES Pontepedriña e asistimos a unha xornada titulada O CAMIÑO DA LOMCE: UN CAMBIO RADICAL NA CONCEPCIÓN DO ENSINO E A SOCIEDADE.
DSC01753
Un dos pais que asistiu ás xornadas, envíanos esta reflexión.
O pasado sábado as directivas  das diversas ANPAS da contorna de Compostela  gozamos dunha xornada agradable e áxil; estivemos preto de catro horas (cun pequeno café) escoitando e falando sobre unha lei que nos vén imposta; foi un achegamento á realidade da Lomce que penso que non deixou indiferente a ninguén; moitos de nós enterámonos de que aínda era peor do que xa sabiamos, que a súa aplicación ía ser moitísimo máis lesiva para o futuro das nosas fillas e fillos e para toda a sociedade.
DSC01756    Agora tócanos a cada ANPA transmitir o que nós aprendemos, ás familias dos  nosos centros, para          que se informen, para que saiban a que se enfrontan, e tamén para crear opinión sobre toda a  problemática que esta lei vai traer para todos. Estas son as preguntas que deberiamos facernos e a  nosa reflexión e a análise da lei terán que nos dar as respostas.
 Que educación queremos? Que educación nos ofrecen?
 Cal é a ideoloxía que sustenta a LOMCE?
 Fomenta esta lei as mesmas oportunidades para todo alumndo  ou pola contra pecha portas ás clases  desfavorecidas e medias?
 Facilita esta lei os negocios privados con fondos públicos?
Facilita esta lei un aceso ás universidades mediante as mesmas probas para todo o alumnado e baixo os mesmos criterios ou facilita que cada universidade teña autonomía para  aceptar a quen conveña?
Pensa esta lei que familias, alumnado e mesmo docentes poden aportar algo ás políticas educativas ou, pola contra, que ningún destes grupos esta cualificado para facer ningún tipo de aportación?
Nos centros educativos, a dirección seguirá a coordinar un equipo directivo e a desenvolver  a política educativa e organizativa a través de decisións tomadas no consello escolar ou pola contra será a dirección quen tome todas as decisións que afecten ao centro que dirixe, incluindo a elección do novo profesorado?
Será a administración (enténdase os  nosos gobernantes) a que nomee as direccións dos centros educativos? Cres que  estas direccións nomeadas pola administración serán autónomas nas súas decisión ou estarán controladas?
DSC01762
Como vedes, un cambio de lei educativa, ademais de ter unha base ideolóxica que convén coñecer,  tamén implica posibilidades de negocio e, dende logo, restará  participación e mesmo poderá anular aos diversos grupos implicados no sistema educativo (asociacións de nais e pais de alumnos, asociacións de alumnos, asociación de docentes) anulando o poder decisorio  do único órgano democrático dos centros educativos, O CONSELLO ESCOLAR).
DSC01758
Obviamente, hai moitos outros aspectos específicos desta contrarreforma educativa que se poderían tratar: dende o interese evidente de recentralización do estado (relegando ao mínimo o espazo en que poden intervir as comunidades autónomas no deseño do sistema educativo así como o espazo para a normalización das linguas propias) ata o papel da relixión, pasando pola implantación das reválidas.
En todo caso, a partir de agora, as propias Anpas organizarán a maneira de transmitir esta información ás familias a través de charlas, obradoiros, debates ou o formato más acaído para cada centro, de maneira que a información estea accesible para todo o mundo. Deámoslle ás anpas o papel de axentes que, de momento por lei, e sempre por dereito e responsabilidade lles correponde dentro do sistema educativo.

Este mes comezaron a traballar tres novas comisións dentro da Federación Compostela. Vemos con optimismo como se abre a porta a novas ideas, novas persoas, moito entusiasmo e ganas de traballar.

Comisión de comedores.

pirámide

Nace esta comisión co obxectivo de facer de ponte entre as familias usuarias do servizo de comedor e a empresa concesionaria, por unha banda, e o concello, pola outra.

Xa que o concello parece non tener interese algún en controlar o funcionamento do servizo do que é responsable, a comisión de comedores da Federación asumirá a responsabilidade de detectar ás deficiencias no funcionamento do servizo e comunicarse co centro, co comedor propio, coa empresa ou coa concellería, segundo o caso.

Esperamos que os problemas de funcionamento que se veñen observando dende que o concello asumiu o servizo poidan resolverse por fin.

Comisión de Necesidade Educativas Especiais

Escuela inclusivaA educación pública e gratuíta é un dereito e unha obriga; e unha sociedade que deixa no camiño a calquera que non segue o ritmo marcado por calquera lei o currículo é un sociedade digna de vergoña.

Se a LOE todavía vixente propoñía sobre o papel unha escola inclusiva que nunca chegou a ser real por falta de medios, os recortes dos últimos cursos e a lei que nos vén coa súa concepción competitiva do mundo, están a precarizar aínda máis a atención a un alumnado que, coa debida atención, non só ve satisifeito o seu dereito á educación senón que pode, como calquera membro do sistema educativo, facer no futuro a súa propia aportación á sociedade da que forma parte.

Esta comisión traballará para que a escola inclusiva e a sociedade inclusiva sexan unha realidade algún día.

Comisión de obras

Dende as anpas sempre pensamos que queremos pelexar pola Educación, e que as necesidades cotiás, de infraestrutura ou intendencia, non debían ser o noso obxectivo.
Pero non podemos desentendernos do triste feito de que un neno que non ocupe un espazo digno, alegre, saudable, seguro, acolledor e amable non pode desfrutar da experiencia educativa. E iso, e non outra cousa é o que está a ocorrer neste momento en Compostela.
unnamed (3)baños humidade
unnamed
Imaxes do CEIP Monte dos Postes
O que pretendemos é establecer unha sistemática de traballo e denuncia que non parará ata que os nosos fillos e fillas se acheguen todos os días a edificios que os reciban co esplendor que os nenos e nenas merecen, que sexan quentes e luminosos e que a única preocupación dos seus ocupantes sexa aprender, e aprender a aprender.

E esa sistemática de traballo basearase na denuncia da inacción do Concello de Compostela, que leva anos de absoluto parón na atención das súas obrigas legais no mantemento dos CEIPs,  levando aos colexios desta cidade a unha situación de deterioro que raia o insulto ás familias e aos propios nenos e nenas.

Imos sumar todas as nosas demandas, poñer por diante as que son de absoluta urxencia, aínda que non renunciemos a ningunha, comunicarlle formalmente ao Concello que estamos aí, e… Denunciar, Demandar e Esixir que os nosos colexios se poñan á enorme altura que merecen os máis pequenos dos nosos concidadáns.

A Confederación de Anpas Galegas vén de acordar na reunión da súa Xunta Directiva celebrada en Compostela o pasado 7 de febreiro, o inicio dunha campaña para relanzar a permanente reivindicación da gratuidade de todo o material escolar, e moi en concretodos libros de texto, no ensino obrigatorio así como a aposta polo sistema de préstamo como fórmula para artellar o uso de libros de texto na nosa Comunidade.

Nós entendemos o ensino obrigatorio como unha incuestionábel responsabilidade social, como unha conquista histórica que debemos aprezar dun xeito distinguido. E esa especial atención tense que materializar na presenza de todas as facilidades necesarias para que toda a infancia e toda a xuventude teñan os medios abondos para aproveitar e se beneficiar deste esforzo conxunto.

Defendemos a absoluta, completa e universal gratuidade de todo o ensino público obrigatorio, e de todo o material que ese ensino precise; e asumimos totalmente o informe de outubro de 2013 da Defensora do Pobo: A Constitución non só define o ensino básico como gratuíto, senón tamén como obrigatorio. E do estabelecemento dese deber constitucional ten que se deducir o correlativo deber público de proporcionar todos os medios imprescindibles para que poida ser cumprido.

Por iso, imos comezar unha campaña de demanda social na que as asociacións de nais e pais de alumnos deste País, diremos publicamente que queremos que sexa a administración educativa galega quen proporcione os libros de texto, e esixiremos que o faga sen subvencións nin cheques, senón mediante un sistema de préstamo que, ademais de asumir a obriga pública de facilitar que o ensino obrigatorio sexa gratuíto, participe tamén na difusión dos valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipo entre a nosa xuventude.

A Federación Compostela

camara ma 009

camara ma 005A nosa Federación celebrou unha reunión das Anpas de Primaria o día 4 de febreiro e outra de Anpas de Secundaria o día 14. A totalidade das persoas asistentes concordaron sen ninguha dúbida na necesidade de voltar ao anterior sistema de préstamo e manifestaron a súa vontade de informar e pedir a colaboración das familias dos centros para que a petición se expanda e chegue a Consellería de Eduación con claridade e contundencia. Así que …. comezamos a traballar!

camara ma 011

No blog de Anpas Galegas publicouse recentemente un artigo no que se analizan con detalle as razóns que fundamentan a nosa petición, apoiándose nun informe da Defensora do Pobo.

Para ler o artigo, pincha aquí.