Que é a LOMCE? Como te afectará a ti?
22 Abril, 2014
A pesar da oposición firme de toda a comunidade educativa, a LOMCE foi finalmente aprobada e entrará en vigor o próximo curso. Aínda que esperamos que non tarde a súa derrogación, pensamos que é a nosa obriga informar ás familias dos cambios que comezarán a afectarnos moi pronto.
Por iso empezamos unha nova rolda de charlas informativas. Eis as primeiras:
Xoves 24 de abril ás 20:00 no CEIP Arquitecto Casas Novoa (A Sionlla)
Luns 28 de abril ás 18:00 no CEIP Ramón Cabanillas.
Se queres afondar no coñecemento da nova lei, xa aprobada, non dubides en acudir a calquera das charlas – debate que se irán desenvolvendo nos diferentes centros de primaria e secundaria da nosa contorna.
O currículo de Primaria na LOMCE
10 Marzo, 2014
O 28 de febreiro publicouse no BOE o currículo básico da Educación Primaria.
O certo é que lendo algunhas descricións xerais do que será a práctica educativa dentro da nova lei, temos a sensación de que a actualización metodolóxica que parte das familias e do profesorado estabamos a reclamar, chegará por fin as aulas…
Se non fose porque esas bonitas palabras entran en brutal contradición co deseño e estrutura deste ciclo educativo.
Vexamos algún exemplo.
“Para lograr este proceso de cambio curricular es preciso favorecer una visión interdisciplinar y, de manera especial, posibilitar una mayor autonomía a la función docente, de forma que permita satisfacer las exigencias de una mayor personalización de la educación, teniendo en cuenta el principio de especialización del profesorado”.
Fantástico! O profesorado actuando con flexibilidade para responder ás necesidades do alumnado!
Porén….hai, polo menos, tres elementos ben ríxidos que contradicen esta declaración de intencións:
-A desaparición dos ciclos:
Se ata agora a Primaria se organizaba en tres ciclos, coa nova lei desaparecen para converterse en seis cursos independentes.
Poderiamos pensar que isto non é máis ca un superficial cambio de nomenclatura. Pero é algo moito máis profundo . A organización en ciclos significaba que o alumnado mantiña a mesma titora ou titor durante dous anos e, tamén , que se respectaba o feito de que os nenos e nenas teñen diferentes ritmos de maduración e mesmo alteracións neses ritmos debido a causas internas ou externas (enfermidades, cambios traumáticos no contexto…..) En consecuencia, cada neno/a tiña dous cursos académicos para acadaren os contidos mínimos de cada ciclo. Agora tod@s deberán ir ao mesmo ritmo e o que se descolgue (polas razón que sexa) probablemente será apartado do sistema ao chegar á Secundaria, pois será dirixido cara á unha FP Básica ou, no mellor dos casos, cara un Plan de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento.
– As reválidas de 3º e 6º de Primaria.
Poderá o profesorado intentar adaptarse á súa clase , ás súas individualidades se ao rematar xa 3º de Primaria o seu alumnado de oito (ou sete) anos terá que superar un exame exactamente igual ao de todas as nenas e nenos da súa idade en todo o estado?
Poderá o profesorado atender á diversidade do seu alumnado, cambiar a súa metodoloxía didáctica, atender ao desenvolvemento das Competencias Básicas dos seus alumnos/as ou traballar por proxectos se, novamente, en 6º de Primaria o seu alumnado debe superar una nova reválida exactamente igual para todas as nenas e nenos da súa idade en todo o estado?
(E, por certo, que ocorrerá se un pequeno de esa idade está enfermo o día do exame?)
– A desparición do Coñecemento do Medio.
Esta materia, concebida como a vía para achegar ao alumnado de curta idade a súa contorna, entendida dun xeito global, sepárase en dúas materias, fragmentando o coñecemento ( non falaban de interdisciplinariedade?) e afastándoo do alumnado, posto que os programas serán comúns a todo o estado. Voltaremos pois a épocas nas que podiamos (teoricamente) recitar as capitais de Asia antes de saber o nome do río no que mollabamos os pés. É isto responder ás necesidades da aula?
Parece que en realidade camiñamos no sentido contrario ao sinalado por especialistas internacionais en pedagoxía inclusiva que falan da necesidade de que o neno/a asente o seu proceso de aprendizaxe partindo do coñecemento do medio que o rodea, do que lle é propio, do que configura a súa contorna e a súa identidade cultural e/ou social.
Lendo o currículo detidamente vaise desvelando, ademais, a concepción de ser humano e da función da escola (tamén da familia e da sociedade) que sustenta esta lei. Algunhas palabras chaman a nosa atención, sobresáltannos, como “intrusas” que se coasen en casa allea, resultan estrañas no currículum destinado a pequenos e pequnas de seis a doce anos: empresa, enprendedor, competitividade…. O mesmo ocorre con algunhas das tarefas propostas para idades tan temperás, como “investigar sobre unha empresa que cotice en Bolsa”.
Nas sociedades que coñecemos existe a convicción de que a escola axuda a modelar, a formar seres humanos. En consecuencia, todos/as nos temos preguntado algunha vez qué nos fai seres humanos. Pois ben, as respostas son variadas, pero o único certo é que coñecemos sociedades humanas nas que non existe a compra-venda de bens materiais; pola contra non coñecemos ninguna sociedade humana que carecera de manifestacións artísiticas ou musicais. Como é posible entón que a materia de Educación Artística coa nova lei pase en Primaria a ser materia específica, o que significa que cada escola ofreceraa ou non segundo a súa preferencia ou segundo os recursos humanos e materiais dos que dispoña? Poderá ocorrer así que o alumnado de 1º a 6 de Primaria non curse nunca Plástica nin Música, pero si obterá coñecementos relacionados co mundo da economía e da empresa.
A compra-venda ocupa un lugar privilexiado nesta lei. Así, xa nas primeiras páxinas, enuméranse as competencias da Eduación primaria:
1º Comunicación lingüística
2º Competencia matemática y competencias básicas en ciencia y tecnología.
3º Competencia digital.
4º Aprender a aprender
5º Competencias sociales y cívicas.
6º Sentido de iniciativa y espíritu emprendedor.
7º Conciencia y expresiones culturales.
Alguén esqueceu cal é o sentido da palabra emprendedor nos últimos tempos?
E todavía máis, no bloque número 3, Vivir en sociedad , da materia de Ciencias Sociais, atopamos os seguintes contidos:
– Educación financiera. El dinero. El ahorro.
– Empleabilidad y espíritu emprendedor.
-La empresa: actividad y funciones.
E será o proxecto desta lei convertir o alumnado nun futuro Homo Vendex?
Concluíndo, a partir deste currículo para a Educación Primaria, é posible que as nosas fillas e fillos, se pola escola é, non saiban quen foi Mozart pero non temos que preocuparnos porque posiblemente poderemos falar con eles sobre as últimas cotizacións da bolsa mentres lle poñemos a manteiga nas torradas.
Para que o comprobedes por vós, podedes ler o currículo de Primaria publicado no BOE, pinchando aquí.
Desmontando a LOMCE: as anpas voltamos ás aulas
7 Marzo, 2014

Con este título, celebraremos unha charla – coloquio o día 22 de febreiro.
Desta maneira, as directivas das Anpas de Primaria e Secundaria da Federación Compostela, teremos ocasión de amplar o noso coñecemento sobre as nefastas consecuencias desta lei e poderemos retomar forzas para seguir a informar e a resistir.
Día: Sábado 22 de febreiro.
Participantes:
Sofía Rama Lourenzo. Profesora do IES Felix Muriel de Rianxo
Javier Dapena Castro. Profesor do IEs Pontepedriña.
Víctor Santidrián Arias. Profesor do IES de Arzúa
Horario:
10:00-11:30.
Introdución á Lei: A filosofía da lei e a organización dos centros.
As novidades en Primaria.
Unha ollada á FP Básica.
11:30-12:00. DESCANSO.
12:00-14:00
As novidades en Secundaria.
As novidades en Bacharelato.
Coloquio e/ ou Debate
Lugar: IES Pontepedriña. Rúa Amor Ruibal, s/n
Organización: Federación de Anpas Compostela e Movemento compostelán en defensa do ensino público.
Sentido adeus
19 Decembro, 2013
Deixámosvos aquí unha imaxe da incineración da LOMCE.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público celebrou onte a incineración da lei e entregoulle as cinzas ao Conselleiro de Educación.
Non ha tardar o momento en que o adeus sexa real. A lei da irresponsabilidade terá un curto percorrido e chegará o tempo de falarmos en serio de que tipo de ensino queremos, de como ten que ser a escola do século XXI, a que forme persoas completas, críticas e libres.
Aquí xace a LOMCE
15 Decembro, 2013
Témolo dito unha e mil veces. Esta lei nace morta, morta, morta…..
Así pois, que mellor maneira de despedir o ano que honrándoa como se merece?
O mércores 18 de decembro ás 11:30 celebraremos a cerimonia de despedida desta lei nacida con tan pouco futuro e procederase á súa icineración.
Se non podes estar alí, diante da Consellería de Educación, non deixes polo menos de amosar o teu sentimento e envía un epitafio ao seguinte enderezo:
conselleiro.cultura.eduación@xunta.es