Home

Idioma meu, homilde, nidio, popular,
labriego, suburbial e mariñeiro
que fas avergoñar
ó burgués, ó señorito i o tendeiro:
levas sangue de povo e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sin mágoas nin tristuras.

Pois sen mágoas nin tristuras como dixo Manuel María, senón con orgullo e afouteza, con seguridade e ledicia estivemos o 8 de febreiro polas rúas de Compostela, con milleiros de galegas e galegos coma nós, que aseguraban o seu dereito, e a súa decisión, de manter a nosa lingua viva para nós e para as fillas dos nosos fillos, para o futuro, para os que veñan detrás de nós, cal é a nosa obriga histórica e o noso compromiso persoal.
Porque as familias galegas estamos cheas de escoitar falsidades e mentiras interesadas, cheas de ver como tentan roubarnos a nosa historia, cheas de comprobar como a educación das nosas fillas e fillos vaise vendo recortada en medios, en expectativas, en atención, en igualdade, e agora tamén en identidade.
Identidade porque é a lingua quen nos une, quen nos define, quen nos explica e nos contén; a lingua que ten que nos levar ao seu través para que comprendamos o que vivimos de a cotío; a lingua que é condición e soporte da nosa integración entre as xentes, esa é a lingua que nós queremos para as nosas fillas e fillos; non queremos outra, nin disfrazada de futuro comercial, nin vestida co ouropel da hexemonía, porque todas as demais non son a nosa; e, non sendo nin peores nin mellores, non serven do mesmo xeito.
Por iso defendemos con forza e teimosía xa non o noso dereito a falar e ser falados en Galego, ese témolo e non precisamos que ninguén nolo autorice; defendemos moito máis, Esiximos que a nosa infancia e xuventude non sexa enganada, que non se lle debuxe un mundo falseado no que semelle que a súa lingua, porque o galego é a lingua mesmo de quen non a falan, non ten os recursos para estudar, traballar, amar e medrar.
Nós queremos que os nosos fillos e fillas teñan o mellor que poidamos entregarlles, queremos que vivan mellor que nós, que aprendan máis ca nós, que teñan a capacidade de mirar máis ao lonxe, e que a súa mirada sexa comprensiva de todo o que alí estea. Queremos que se abran a un mundo amplo, plural, variado e inesperado, cheo de ideas e de logros, ateigado de posibilidades e de cambios, e sabemos que esa abertura comeza na firmeza do propio, no recurso permanente á seguranza do que nos vertebra e nos constrúe, porque ter a onde regresar, saber de onde partimos, é o que nos permite viaxar sen límites e medrar internamente.
Por iso Queremos Galego, e por iso estivemos polas rúas, defendendo ao mesmo tempo o Ensino e a Lingua, porque non existe Ensino Público Galego se non está apoiado na nosa Lingua, do mesmo xeito que a Lingua ten que ser vehículo e motor do Ensino que a transmite, a conserva e a dignifica.

Advertisements

BOAS FESTAS E FELIZ 2015

23 Decembro, 2014

Rematamos un ano, e quizais sería ben facer unha listaxe de logros e preocupacións, debullar o ano case rematado botando unha ollada a tanto traballo feito, a tanto esforzo dedicado ao ensino público, a tanto cariño directa e indirectamente entregado aos máis novos para que medren nun mundo mellor, construído tamén por eles mesmos.
Mais pensamos que este ano que remata non merece tanta lembranza, nin é apetecíbel facer con el ningún balance; tampouco iso quer dicir que fose un ano para o esquecemento, porque non hai lugar de onde máis se aprenda que dos erros, aínda cando son doutros; e este ano que morre tivo erros dabondo.
Este ano perdemos profesores e finanzamento; quedamos con menos especialistas para incluír á diversidade nas vidas de tod@s; comezamos un curso novo cunha lei nova que ninguén coñecía e para a que ninguén estaba preparado; pelexamos polos libros de texto, para non nos ter que afogar mercando material inútil e innecesario; perdemos presenza na comunidade escolar, nós e todos, en beneficio dunha figura que pretende ser un valido da administración; tivemos que ver cómo se discriminaba a colectivos completos na entrega de axudas para a adquisición de libros de texto; e como se repetía esa discriminación no que este goberno deu en chamar “educación dixital”, consolidando a súa propia tendencia: a de fabricar colexios de primeira, de segunda, e “de última”, coma se os nenos fosen diferentes ou culpábeis por nacer ou vivir nun lugar ou noutro.
E niso pasamos o ano, en tentar conter a abafadora deriva de abandono e desmantelamento na que nos meteron os actuais administradores da educación; e algo conseguimos, mais non abonda, e imos continuar reclamando, pelexando e denunciando.
Por riba de todas as cousas e con todas as nosas forzas: denunciando.
Porque temos un goberno que non cre na educación pública; que equipara a xestión pública coa comercial utilizando criterios de custe e beneficio; que pensa que o gasto educativo non é prioritario, sendo que o é por dereito e por intelixencia investidora; que carece dun proxecto educativo organizado e dunha programación planificadora de futuro.
Porque temos un goberno que abandona todas as súas responsabilidades en terceiros, sexan os equipos directivos dos centros, e aí están as referencias indeterminadas ao que decidan en temas de convivencia ou de deberes escolares; sexa na procura de finanzamentos ligados a programas e proxectos que deberían ser para todos se son positivos, ou para ninguén se non o son; sexa na indiscutíbel participación das familias na vida escolar, que queda abandonada ao interese dos actores específicos de cada centro; ou sexa, recente e moi tristemente, na salvagarda da nosa lingua que tamén queda ao criterio indeterminado da cidadanía porque eles, de novo tampouco, non son responsábeis.
Porque temos ese goberno, nós, ás familias, conformadas de mil xeitos e maneiras pero unidas nun punto único de acordo indiscutíbel: o interese polos nosos fillos e fillas; nós imos seguir dicindo que o ensino ten que ser público, para ser para todos e todas; que ten que ser laico, para atinxirnos a todas e todos; que ten que ser inclusivo, porque os nosos fillos e fillas precisan convivir con todas as realidades para aprenderen de todas elas; que ten que ser GALEGO, porque so se pode aprender dende a seguranza que outorga o coñecemento do propio; e que o noso lugar é todo aquel onde se tomen decisións, grandes e pequenas, que afecten aos nosos fillos e fillas e, por extensión, a toda a sociedade.
Por iso queremos felicitarlle o Nadal, algo tan familiar, ao sr conselleiro, e tamén ao sr. Presidente da Xunta, e transmitirlles os nosos mellores desexos para o futuro ano que agora xa mesmo comeza, quereriamos que nese novo ano lles aparecera a capacidade de comprender que todos os nenos e nenas son iguais, que non se diferencian por nacer ou vivir no medio dunha cidade ou no medio dun monte, que non se distinguen por ter unha saúde de ferro ou unha discapacidade, que non son nenos distintos por nacer en familias distintas, ou porque esas familias teñan máis ou menos diñeiro, máis ou menos posición social, máis ou menos nivel cultural.
E esa afirmación de igualdade non a facemos dende a falsa bondade, nin ignorando que supón o tratamento consciente e nivelador das desigualdades iniciais, non soltamos tópicos coa idea de facer frases bonitas acaídas a estas datas. A igualdade que pregoamos é a meta á que tendemos dende sempre como individuos, podemos chamarlle evolución, modernidade, ou progreso, terá todos os nomes que queiramos darlle pero o certo é que o andar dos homes e mulleres dende os albores da humanidade consistiu sempre na procura desa equiparación duns e doutros, e chamamos civilización precisamente á eliminación de barreiras, eivas, e condutas culpábeis que impidan esa igualdade.
Por iso desexamos para todas e todos un novo ano que nos inclúa a todas e todos, que nos iguale a todas e todos nos maiores logros, e que o ensino público sexa peza clave e produtiva desa equidade futura.
E se de paso lle trae algo de sentidiño aos que nos gobernan, sería magnífico.
BÓ NADAL PARA TOD@S. E FELIZ 2015

SEICA A CULPA É NOSA

15 Decembro, 2014

O Sr. Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia ven de dicir recentemente que o problema da perda de galego falantes é que non se utiliza o galego nos ámbitos de xogo ou familiares; cousa que, segundo el, vese moi agravada pola caída da natalidade nas zonas rurais, que son as que falan máis galego; na cidade, seica todos o sabiamos, fálase castelán por suposto; e supoñemos que nos despachos dos responsables políticos completarán o plurilingüismo que tan pracenteiro lle é a este goberno e falaran inglés.
Tampouco hai que cargar contra este empregado do goberno, ao fin de contas o seu xefe, o presidente da Xunta de Galicia, xa fixera unhas declaracións nese mesmo senso un día antes, e na mesma liña: a lingua pérdese porque as familias non a coidamos, e isto agrávase porque no rural hai cada vez menos xente.
Se non fose porque estamos a falar da lingua do noso pobo, ou sexa: da construción monumental elaborada con mimo e cariño durante séculos, que permite que expresemos o que somos, o que pensamos, cómo nos sentimos, e cómo entendemos o mundo.
Se non fose por iso, e porque calquera cousa ao lado diso queda empequenecida, merecería a pena facer a longuísima crónica de todo o que este goberno considera que é responsabilidade doutros, falando só de educación porque do resto non cómpre agora, porque as súas políticas, que din eles que tan decisorias resultan cando tratan de se apropiar de calquera vantaxe publicitaria, son sempre neutrais cando cómpre explicar algún resultado negativo.
Se non fose porque estamos falando da nosa cultura, poderiamos pararnos a pensar para qué queremos un goberno que rexeita a súa responsabilidade no afundimento do maior patrimonio cultural que posuímos; que mesmo dá un paso máis, trasladando esa responsabilidade aos propios falantes, aos propios coidadores dese patrimonio. A Nós, aos que ano tras ano estamos a pelexar para protexelo precisamente de xente como esta que agora nos insulta.
A lingua conservámola os falantes, e dámoslle pulo e dignidade, como cómpre facer co que se quere como propio; pero son os nosos representantes, o poder político, quen é o responsable único do seu abandono entre a xente nova e do seu desprestixio entre a xente que non a transmite, e tamén son os nosos representantes quen teñen que tomar medidas serias e conscientes para neutralizar as presións que as culturas alleas, economicamente máis ricas, publicitariamente máis estendidas, máis gorentosas nos seus resultados inmediatos de éxito aparente, están a exercer nas novas xeracións.
Manter unha lingua non é máis difícil do que resulta crer nela, crer no seu poder aglutinador da sociedade , mesmo na súa forza económica e produtiva, na súa capacidade para identificar a aqueles que pelexan á nosa beira e facilitar a comunicación con eles.
Manter unha lingua significa ser conscientes de que para saír ao mundo a aprender o que mundo nos aporte temos que andar con paso seguro, cunha base sólida que nos serva de referente, porque non aprende quen se dilúe na aventura doutro, aprende quen crea con outro unha aventura compartida, na que se sumen as sabedorías, e os entendementos.
Manter a lingua, señor conselleiro, señor presidente, significa ser galego e recoñecelo, identificarse como tal e querelo así; por iso algúns defendémola, e falámola, como xa dixo Celso Emilio, “…porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña, porque me sae de dentro, alá do fondo dunha tristura aceda que me abrangue ao ver tantos patufos desleigados, pequenos mequetrefes sin raíces que ao pór a garabata xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros…”.
Nós, as familias, defendemos a lingua; outros non paran de aldraxala.

O Instituto Galego de Estatística ven de nos dar unha arrepiante noticia: só un de cada catro menores de 15 anos fala galego, e a nosa lingua vai esmorecendo arrodeada de porcentaxes que certifican a súa morte a medio prazo.
De certo que a partires deses datos han aparecer serios estudos que expliquen os porqués desta tendencia, e non é a miña intención tentar suplilos dende a subxectividade, pero non penso tampouco que esta noticia deba ficar no silencio de quen a escoitamos, senón que como galego falante – ou debera dicir como galego amante? – síntome na obriga de expresar a miña indignación, a miña rabia, a miña incomprensión a isto que nos está a ocorrer, a isto que estamos a facerlle aos nosos fillos e fillas, ás nosas netas e netos, a todos os que van estar cando nós xa non esteamos.
Eses nenos e nenas de entre catro e quince anos que xa case non falan en galego son os que están agora nas escolas e nos institutos, son os suxeitos do traballo que facemos as nais e pais que pelexamos por un ensino público de gran calidade, por un ensino que lles aprenda a vivir unha vida mellor sentida e mellor feita por eles mesmos.
E cómo é posible que ese ensino vital que lles andamos a transmitir dende a casa e dende a escola lles faga fuxir da lingua que debería aseguralos e outorgarlles firmeza e orgullo? , qué estamos a facer para que os máis novos rexeiten a transcendencia de coñecer e amar o propio, sexa o país, os costumes, ou a lingua ? . Máis aínda, cómo sobrevivirán se non teñen un lugar espiritual ao que retornar, un lugar que lles faga entendérense e apreciárense ?
Porén, é certo que arrepía unha noticia que por demais xa era coñecida; moitos de nós estamos a educar aos nosos fillos e fillas nunha lingua que logo eles non continúan, e asistimos vencidos ao retorno diario deses nenos e nenas, que marcharon falando galego ao colexio e que volven á casa falando noutra lingua. Se temos sorte, e temos creado un lugar de afecto profundo, eses nosos fillos e fillas manterán a lingua como un agasallo no seu trato con nós, na intimidade da familia, en concesión a unhas nais e pais que conservan tradicións e falas pouco actuais, pouco prácticas, pouco triunfantes; se non temos esa sorte, sen sermos por iso máis culpables, escoitaremos esoutra lingua impregnando os recunchos das nosas propias casas, e introducíndose innecesariamente nas nosas propias vidas.
Como dixen, de certo que haberá xente que explique os porqués, e mesmo que dea solucións e camiños ben ideados; non dubido de que existen e de que hai quen coñece como usalos; como tampouco dubido de que agora mesmo existe xente, xa agora con poder abondo, que non tería nin a menor vacilación para lle dar o golpe de morte á expresión dun xeito de entender a vida, as nosas vidas; porque o galego non está morrendo, ao galego estano matando; máis iso tamén é obxecto doutros traballos.
Eu quixera deixar unha idea que sempre me arrodeou dende que son pai: a obriga absoluta que temos de lles legar a nosa lingua aos nosos fillos como un magnífico patrimonio; non como unha ensinanza máis, nin como un exemplo ou unha lenda; non como quen deixa algo de valor que conseguiu e mantivo con esforzo; moito máis ca iso: debemos deixarlles a lingua na seguridade de que ese é o elo que nos xunta con todo o que fomos e o que seremos como historia viva, temos que saber transmitir que a lingua é o pé firme que nos trouxo ata aquí, que non é mellor nin peor que outros pero que é o noso pé e é insubstituíble, e que ten que ser o mesmo que nos sosteña no vindeiro para non perdermos a nosa firmeza.
Ocórreseme que ese legado que reclamo non se entrega ao fin da vida, non se deixa nas partillas ni se lle conta á autoridade; ese legado entrégase día a día, minuto a minuto, con coidado certamente, e con moito esforzo, atención e esixencia; e ocórreseme tamén que esta ven sendo unha das razóns polas que o galego se perde, porque é difícil vivir en galego, é incómodo pelexar para vivir en galego, hai que estar disposto á dificultade permanente, ao traballo suplementario, á repetición constante das verbas que nos quere roubar esa falsa modernidade que nos venden os que so se dedican á venda e ao diñeiro.
O galego non está presente na vida triunfante dos nosos fillos e fillas, no que admiran e imitan, no que copian e respiran; pero se nós non mantemos unha posición activa a prol do seu dereito a recibir a lingua cada día terana menos presente, terán menos realidade en galego, percibirano como algo que non se axeita ao seu mundo, vivirán a lingua como algo superado, innecesario e inútil.
Por iso as nais, os pais, os docentes, todos os que tratamos coa infancia e coa xuventude, temos que defender o coñecemento e a herdanza da nosa expresión, do noso idioma, e temos que pelexar para que se poida vivir en galego; a súa supervivencia está na nosa loita diaria, en cada anaco de conversa que logremos que se escoite en galego, con cada unha das noticias, das preguntas, dos afagos e os agarimos que fagamos, na naturalidade da nosa fala no cotián, no orgullo profundo e poderoso con que solicitemos e presentemos a nosa presenza en galego nunha tenda, nunha aula, nunha rúa; cando falemos e cando escoitemos, cando pidamos e cando entreguemos.
E logo, por suposto, estará todo o que cada quen de nós por si propio non é quen de conseguir, e para o que fará falta dispor dunha acción conxunta e ordenada por aqueles a quen comandemos para ese fin, pero iso non reduce a nosa responsabilidade, a nosa obriga de parar este roubo do futuro.

Fernando Lacaci é o presidente da Federación Compostela

Anda estes días a saír na prensa unha noticia desacougante: a publicación dun acordo bilateral entre o Goberno español e o Goberno vasco ( http://www.lehendakaritza.ejgv.euskadi.net/r48-bopv2/es/bopv2/datos/2014/09/1404004a.shtml ) polo que se “pacta” a interpretación de varios preceptos da LOMCE, esa lei que ten a dubidosa honra de ser a lei educativa máis contestada da democracia.

O acordo acadado atinxe a diferentes aspectos da nova lei, pero fundamentalmente estamos a falar do dereito a regular integramente o ensino da propia lingua, sen que o Estado teña dereito a interferir nesa regulación toda vez que recoñece explicitamente que é competencia da administración educativa vasca; e tamén falamos do recoñecemento por parte do Goberno español do dereito que ten cada administración educativa a regular como se xestionan os Consellos Escolares, que xa non teñen porque ser consultivos segundo semellaba dispor a LOMCE, senón que terán a capacidade decisoria que lles outorgue cada unha das administracións titulares das competencias en educación.

E o desacougante desta noticia é a pregunta que nos facemos os galegos: E logo nós ?

Pois nós, coma case sempre, mirando cara a outro lado; deixando esvaerse entre os dedos toda a nosa capacidade legal, cun goberno que segue a non crer nun ensino galego e para os galegos, cuns dirixentes que fan seguidismo absoluto do que se fala na Administración Xeral do Estado; cunha normativa que quere ter como mérito o de ser idéntica á que se poida elaborar no outro extremo da península, e coa consolidación dun ataque á nosa lingua que ven dende o mesmo momento no que o actual goberno galego gañou as eleccións e pretendeu implantar aquel modelo “plurilingüista” que logo deitaron sentenzas e costumes.

Así, os nosos fillos e fillas, que poderían ter un ensino onde aprender a se compracer do propio para entendérense, que poderían gozar do privilexio de seren instruídos na propia lingua para que soubesen chamarlle polo seu nome ás súas realidades -que é o xeito de podermos logo comprender e compartir as realidades alleas-, terán novamente que estudar de acordo cunha lei que está edificada sobre outras culturas, outras realidades e outros xeitos de ver e de convivir. E iso tamén provoca parte dese fracaso escolar que a LOMCE di que ven a eliminar.

Pero é que ademais, este “Acordo” tamén recoñece que o País Vasco – e Galiza non ? – poderá ter Consellos Escolares democráticos porque van ser eles quen decidan cómo queren que sexan, como van organizar a presenza das familias na toma de decisións no ensino; mentres que nósnon temos ningunha noticia de que o noso goberno galego teña a intención de recoñecer, e lexislar en consecuencia, que as familias somos parte intocable da realidade educativa, e que a nosa presenza é tan necesaria e tan imprescindible como a da administración, o profesorado ou o alumnado.

Nós, as familias, sabemos que temos que ter voz na educación dos nosos fillos e fillas, somos a sociedade que defende xa non o dereito senón a obriga de estar presentes na construción do mundo no que van vivir os nosos descendentes, os que veñen detrás de nós; e elaborar ese mundo inclúe deseñar e definir, coas nosas opinións e cos nosos votos , cada un dos pasos dos que se compón a realidade educativa.

A Confederación ANPAS Galegas sempre rexeitou e rexeitamos a LOMCE, e sempre solicitamos  que a Xunta de Galicia debería interpor recurso diante do Tribunal Constitucional porque esta Lei está a invadir competencias que son da nosa Comunidade Autónoma; pero agora mesmo, dun xeito especial logo do coñecemento desta noticia, tamén reclamamos que o Noso goberno, o Galego, asegure xa un acordo como o que neste momento teñen no País Vasco, e que sexa dende aquí dende onde se lexisle o desenvolvemento dunha norma axeitada á nosa realidade, respectuosa e potenciadora da  nosa lingua e da nosa cultura, e que recupere valores democráticos no funcionamento dos centros escolares permanecéndonos ás  familias na presenza que ata o de agora tiñamos.

Accidente en Compostela

16 Setembro, 2014

A Federación de Anpas Compostela, da que forma parte a anpa do IES de Brión, quere transmitir o seu máis sentido pésame á familia, amizades, compañeiras e compañeiros da moza Anna Nieto Lago, falecida na madrugada de onte nun tráxico accidente.
Gustaríanos que esta condolencia non quedase nun mero comunicado institucional, senón que a través dela poida ser percibido o sentimento de dor, apoio e solidariedade dos centos de nais e pais que compoñen todas as anpas desta federación.
Igualmente queremos manifestar a necesidade de que se traballe arreo para que sucesos con tan tráxico desenlace non poidan chegar a repetirse.

Remata o curso e chega o período de avaliación. A nosa Federación ferveu de actividade, as nosas Anpas están vivas. Desgrazadamente boa parte dos esforzos tiveron que centrarse na análise detallada da nova lei de educación, da información ás familias dos cambios que se achegan e, como consecuencia da análise ben fonda, ao rexeitamento persistente, activo da temida e, finalmente aprobada, contrarreforma educativa. Por iso queremos rematar este curso aludindo novamente á lei, pero xa non dende os aspectos máis pragmáticos: os deseños curriculares, a distribución das competencias, a organización dos centros… senón dende punto de vista puramente humano. Que concepto do ser humano sustenta esta lei? Onde queda a súa capacidade de crear? Diso nos falará Suso de Toro no derradeiro acto da Federación neste curso que se pecha. Non deixedes de acudir.