Home

Crónica da mesa redonda sobre a aprendizaxe de linguas

16 Febreiro, 2010

Como algúns xa sabedes o 8 de febreiro a Federación Compostela de Anpas celebrou no “López Ferreiro” unha mesa redonda para falar do ensino de linguas na nosa comunidade e do novo decreto.

Cinco profesores de Lingua e Didáctica da USC tiveron a amabilidade de vir compartir o seu coñecemento e participar coas nais e pais nun interesante coloquio.

Participaron Concha Mas, Luz Zas, Xabier Fernández, Ignacio Palacios e Bieito Silva que abarcan un variado espectro do coñecemento: lingua española, lingüística xeral, lingua inglesa, didáctica das linguas e participación do colectivo inmigrante nos centros de ensino.

As ideas máis relevantes que espuxeron os participantes foron:

Todas as linguas son igual de importantes e dignas de respecto, só que algunhas, por un conxunto de variables económicas, sociais…ocupan nun momento histórico concreto unha posición predominante aínda que estas circunstancias van cambiando co tempo.

Segundo o Consello de Europa é fundamental manter as linguas autóctonas, polo tanto unha política de “conservacionismo” (que no caso das linguas sería protección e promoción) non é, en absoluto algo anticuado e que prexudique a unha comunidade senón un signo de modernidade e educación.

Os estudos que se están levando a cabo na actualidade parecen indicar que a competencia lingüística dos estudantes que rematan a ESO é menor en galego que en castelán. A escola é primordial como vía de contacto e aprendizaxe do galego xa que o mundo dos nenos e adolescentes fóra é predominantemente castelán: televisión, cinema, música, a rúa, os amigos, moitas veces a familia…. Polo tanto, a única maneira de que todos os nenos adquiran unha competencia oral e escrita aceptable en galego é a impartición de alomenos un 50 % das materias nesta lingua.

Por outra parte, o feito de falar galego e castelán non rouba espazo para a aprendizaxe doutras linguas. Todo o contrario. Estudos realizados na Comunidade Valenciana demostran que os nenos bilingües teñen maior facilidade para aprender inglés.

En canto ao ensino do inglés, todos os poñentes coincidiron en que a súa introdución no decreto a carón do galego e o castelán é un sinsentido, xa que se poñen ao mesmo nivel as dúas linguas en contacto na nosa comunidade (as dúas linguas cooficiais) que unha lingua estranxeira (internacional).

É un dato chamativo que en Galiza (e no resto do estado), onde destacamos polo baixo dominio do inglés a resposta é pedir (ou ofrecer) cada vez MÁIS inglés e dende unha idade máis temperá. En países cun maior dominio do inglés, o ensino introdúcese moito máis tarde. As nenas e os nenos deberían adquirir primeiro algunhas competencias sólidas: autonomía, creatividade, estratexias de aprendizaxe, certos contidos… para poder afrontar despois o estudo duna lingua estranxeira. Impartir materias nunha lingua estranxeira (inglés ou outras) só incrementaría o fracaso escolar.

Por suposto, é superfluo mencionar que nin o profesorado nin o alumnado nin os pais e nais (que virtualmente serven de apoio na casa) falan inglés ao nivel necesario para que se desenvolva una clase con normalidade.

Por último, reclamouse un trato respectuoso para todas as linguas. Unha lingua é algo máis que un sistema de signos. É un patrimonio cultural, unha maneira de entender o mundo. Como tal, temos a obriga de coidala e transmitirlla aos nosos descendentes, do mesmo modo que transmitimos o patrimonio arquitectónico ou o natural. Unha vez que unha lingua chega aos 100.000 falantes considérase que está en perigo de extinción.

Tamén as linguas (ou variedades lingüísticas) maternas dos nenos inmigrantes merecen respecto e, dende logo, debería aproveitarse moito máis a súa presenza na vida escolar. Cabe engadir que, contrariamente ao que ás veces se pensa, o colectivo inmigrante non rexeita o galego en absoluto senón que o asume como algo natural.

As institucións educativas deberían actuar con responsabilidade, abordando todos estes aspectos dende un punto de vista científico e serio e actuando en consecuencia, sen deixar temas de tal transcendencia en mans dos pais, o que podería aumentar a conflitividade na comunidade escolar, senón en mans dos expertos e as autoridades educativas.

Despois das intervencións dos poñentes, as nais e os pais participaron dun xeito aberto e relaxado, aportando moi diferentes opinións e perspectivas que se faría un pouco longo reproducir aquí.

É de esperar que teñamos a ocasión de repetir algo similar e contar coa participación de máis pais e nais e ¿por qué non? de máis profesorado que como parte afectada (afectadísima, diría eu) tamén queira pronunciarse.

2 Responses to “Crónica da mesa redonda sobre a aprendizaxe de linguas”


  1. PLATAFORMA GALEGA POLA GRATUIDADE
    CONVOCATORIA DE XUNTANZA

    A Plataforma Galega Pola Gratuidade, consciente do interese que compartimos na defensa da calidade para a educación pública, convídavos a unha xuntanza a celebrar o próximo sábado día 26 de xuño, a as 11:00 horas, en Santiago, para tratar, entre otras propostas, os siguientes asuntos:
    • Análise actual da gratuidade dos libros de texto, e de como o novo decreto plurilingüe e vai a afectar ao libros de matemáticas afectos ao sistema de préstamo todavía vixente.
    • Mobilizacións e actuacións para realizar ao longo do mes de xuño.
    • Informe da reclamación presentada ante o Valedor do Pobo. Recollida de sinaturas.
    • A nova web da Plataforma como mecanismo de difusión.
    • Proxecto Abalar: Ordenadores gratis aos centro privado concertados.
    • Apertura a novas incorporacións–estatutos– mecanismos de acceso: socios/delegacións / colaboradores .
    Desta forma pretendemos facer un primeiro intercambio de opinións e puntos de vista, seguros de que o mellor xeito de facer chegar a nosa mensaxe, a defensa da calidade e gratuidade universal do sistema Publico de ensino, é través do compromiso e a participación solidaria de todos os que estamos implicados na Comunidade Educativa.
    Dende a Plataforma Galega pola Gratuidade aspiramos a servir de vínculo para o traballo conxunto de todos nós.
    O local de reunión está por confirmar. Notificarémolo na maior brevedade posible.
    Pobra do Caramiñal, 15 de xuño de 2010

    A Xunta Directiva

  2. María Says:

    Bos días,
    escrivo dende a Federacion de Anpas de Centros publicos de Cangas do morrazo e desexariamos poñernos en contacto con vós, poderiades mandarnos un correo de contacto? o noso correo eletronico é federanpas.cangas@gmail.com ou anpa.arua@gmail.com

    Moitas gracias e un saúdo


Deixar un comentario