HOXE ESTIVEMOS NA RÚA
11 Abril, 2014
A xeito de foliada un tanto áceda, as familias de Compostela que temos fillos e fillas no ensino público hoxe espuxemos a realidade dos nosos colexios a todos os nosos concidadáns: na praza do Toural amosamos a cara máis lamentable das instalacións nas que viven todos os días os nosos pequenos e pequenas; as imaxes falaron de como pasan as súas mañáns entre humidades e friaxes, de como xogan en lameiros e en patios tan suxos que semellan abandonados; e todo iso acontece na capital de Galicia, nun dos berces de Europa, na cidade patrimonio universal da humanidade, na fin do camiño…. que é tamén, e sobre todo, o lugar que habitamos e onde criamos aos nosos fillos e fillas.
Nós temos moito que falar sobre educación, moito que expresar e moito sobre o que discutir; esa debe ser a función das asociacións de nais e pais, o noso traballo, a nosa razón de ser; pero, quen pode falar cando ten frío?, quen pode debater cando cheira a mofo?, quen pode pensar cando esvara no chan mollado?; e que nai, que pai, pode pensar noutras cousas cando os seus fillos e fillas están padecendo estas carencias que non son inevitables, que non veñen provocadas pola crise, que non son consecuencia de tifóns nin cicloxéneses, que só son o resultado da inacción consciente dunha administración ineficaz, inoperante, innecesaria na súa propia incapacidade.
A resposta dos responsables públicos, cantas veces lles plantexamos o que hoxe puxemos á vista de tod@s, foi unha constante evasión das súas propias responsabilidades, desas responsabilidades que son a razón única pola que están onde están; pois é a súa obriga xestionar o público, o que é de todos, dirixir a acción colectiva para que mellore, co traballo e tempo que nós lles pagamos, a vida das nosas familias e o futuro das xeracións que xa están vindo.
Por iso hoxe saímos á rúa, e continuaremos saíndo mentres os nosos nenos e nenas non teñan o que merecen que é nin máis nin menos que o trato e a atención privilexiada que lle corresponde sempre a quen de nos depende.