Home

Comunicado da Federación Compostela sobre as bases para o decreto de plurilingüismo

19 Xaneiro, 2010

A Federación municipal de ANPAS de colexios de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela despois de analisar as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” ten que expresar:

  • o seu rexeitamento a un modelo de ensino das linguas no que o goberno renuncia a exercer o seu papel e defender o galego como lle atribue o Estatuto de Autonomía,
  • a sorpresa polo amplo descoñecemento da situación na que se atopan as aulas e,
  • a súa decepción pola oportunidade perdida para mellorar a educación, e en concreto o ensino das linguas, en Galicia.

A Federación rexeita que o goberno delegue en decisións persoais dos pais e nais a protección da lingua galega que o Estatuto de Autonomía encomenda aos poderes públicos e que ten á educación como unha canle preferente para conseguir cidadáns que poidan exercer con plenitude os seus dereitos cidadáns de escolla lingüística e, mesmo, de promoción social grazas ao pleno coñecemento das dúas linguas oficiais.

A Federación considera que as decisións sobre a programación educativa deben ser adoptadas polo goberno tendo en conta as consideracións técnicas e avaliacións pertinentes para garantir que os nenos e nenas adquiren o conxunto dos coñecementos e competencias previstas na normativa educativa. Abrir as portas a unha multiplicidade de modelos en función de decisións suxeitivas das familias pon en risco a adquisición destes coñecementos e atenta contra a función socializadora e de promoción da igualdade dos cidadáns que ten o sistema educativo.

Os pais e nais das ANPAS de colexios públicos de educación infantil e primaria entendemos que o coñecemento de linguas é un patrimonio de cultura para os nosos fillos e fillas e que todas elas suman debendo ter como punto de partida os coñecementos que conforman a nosa identidade e que só os galegos podemos protexer. Os datos do informe PISA amosan como os resultados en linguas son mellores nos nenos galegos que nos doutras partes do Estado sen máis lingua que o castelán.

Un coñecemento mínimo da situación nas aulas permitiría ver que nin nas familias, nin no profesorado, nin nos nenos existe unha tensión como a que parecen alentar as Bases do goberno e que as medidas de discriminación positiva para o galego como lingua con problemas de pervivencia son aceptados pola comunidade educativa.

A equiparación no proceso educativo do tratamento das linguas oficiais e unha lingua estranxeira da unha resposta equivocada aos precarios coñecementos de lingua estranxeira no noso sistema educativo. En vez de aumentar o número de horas de lingua estranxeira semanais, reducir o número de nenos e nenas (25) por aula, dotar de aulas especializadas aos centros nos que se dispoña de material específico -como fan os paises avanzados no coñecemento de linguas-, imponse de forma xeral o ensino doutras materias nunha lingua estranxeira. Esta solución está destinada ao fracaso ao non haber profesores co nivel B2 esixido pola normativa para impartir clases nunha lingua estranxeira e non poder avaliarse competencias distintas ás propias das materias que se imparten, ademais de propiciar a extensión do fracaso escolar.

Por todo iso a Federación Municipal de ANPAS de colexios de educación infantil e primaria solicita o mantemento de medidas de promoción do galego no sistema educativo; a realización de investimentos reais que reduzan a ratio de estudantes nas aulas para mellorar as competencias lingüísticas dos nenos e nenas; a elaboración de materiais e dotación ás escolas que corrixan os recortes experimentados no ámbito da educación.

Deixar un comentario